O PSOE presume dunha candidatura electoral "pensada para gobernar Pontevedra"
Por Alejandro Espiño
Semanas despois de anunciar os nomes que compoñerán a candidatura do PSdeG-PSOE para as próximas eleccións municipais, os socialistas quixeron facer unha foto de familia. Foi na céntrica Praza de España, coa antiga Casa Consistorial de fondo. Unha referencia sutil ao obxectivo que se marca o seu candidato, Agustín Fernández, para esta cita coas urnas, que non é outro que facerse coa Alcaldía.
ÿ unha candidatura, dixo, "pensada para gobernar Pontevedra cos cidadáns, non contra deles". Segundo Agustín Fernández, nela hai unha renovación "importante" e un "necesario" cambio xeracional porque entende que é "fundamental" que xente nova ou sen experiencia en política dea un paso á fronte.
Así, tras Fernández van na lista Paloma Castro Rey, unha avogada pontevedresa de 33 anos, e Iván Puentes, exalcalde de Fene e profesor no campus universitario aos seus 35 anos. Ademais, entre os dez primeiros da candidatura hai outras catro persoas menores de 40 anos.
O líder socialista destacou que o seu proxecto reflicte "sensatez e coherencia", xusto o que fai falta na cidade, segundo asegura, porque Pontevedra "necesita cambios". Sinala que "non podemos quedar parados, queda moito por facer". Neste sentido, cre que o inmobilismo no que se instalou o BNG é un "erro" porque o municipio "necesita propostas de futuro", especialmente relacionadas co desemprego e os problemas sociais.
Para iso, e para dar máis presenza a parroquias e barrios da periferia, o PSdeG-PSOE reclama unha "maioría para gobernar" e que Pontevedra teña a partir do 24 de maio un goberno "progresista".
PACTOS TRAS O 24-M
Con respecto ás palabras de Miguel Anxo Fernández Lores, que este sábado recoñecía que ía ser "moi difícil" poder pactar con algunha forza política tras as eleccións, Agustín Fernández asegurou entendelas porque "de entrada pensas nas túas opcións, en lograr unha maioría suficiente". Pero iso non impediu que tamén as achacase ao "excesivo" tempo que leva a cidade gobernada polos nacionalistas.
"Pontevedra non é o BNG", apuntou o candidato socialista, que reivindicou que as achegas "importantes" que durante todos estes anos realizou o PSdeG-PSOE ao modelo de cidade dende o propio goberno municipal. Afirmou que a postura de Fernández Lores é froito da "soberbia" dunha persoa que "estivo demasiado tempo no mesmo cargo".
Relacionadas:
-
"A única alternativa seria e sensata a Lores en Pontevedra é un alcalde do PSdeG-PSOE"
Por Alejandro Espiño |
-
A campaña electoral do PSOE móvese en autobús
Por Redacción |
-
Santos Héctor critica o oportunismo electoral das obras da Deputación
Por Redacción |
-
O PSdeG-PSOE avanza que defenderá unha política social municipal "afastada da beneficencia"
Por Redacción |
-
Os socialistas márcanse como obxectivo gobernar a Deputación
Por Redacción |
-
Así é a candidatura completa dos socialistas ás eleccións municipais en Pontevedra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada