Unha investigación pontevedresa abre novas posibilidades para mellorar a resistencia do millo á praga dos taladros
Por Oskar Viéitez
Unha tese doutoral realizada no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) propón ata 21 xenes candidatos para, a través de programas de mellora xenética, incrementar a resistencia e tolerancia do millo ao ataque do taladro, unha das súas principais pragas.
O autor, o enxeñeiro agrónomo Fernando Samayoa López, realizou a investigación na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC, Pontevedra) nos catro últimos anos no grupo de investigación "Xenética e Mellora de Millo". As directoras da tese foron Rosa Ana Malvar Pintos, profesora de investigación do CSIC, e Ana Butrón Gómez, científica do CSIC.
"Mediante experimentos feitos durante tres anos consecutivos determináronse os niveis de resistencia de cada unha das plantas ao ataque das larvas do insecto. Na análise utilizáronse máis de 200.000 marcadores de ADN distribuídos en todo o xenoma do millo e, mediante sofisticados modelos estatísticos, encontrouse que, polo menos, 25 marcadores tiñan efectos altamente significativos sobre a resistencia das plantas. Nunha análise posterior, tomando como referencia a posición física de cada marcador dentro do xenoma do millo, identificáronse ata 21 xenes que poderían estar a codificar as proteínas que interfiren na resistencia do millo ante o ataque do trade Mediterráneo", apunta Fernando Samayoa López.
Na investigación tamén participaron varias institucións estranxeiras, como a Universidade do Estado de Carolina del Norte de Estados Unidos.
A tese defendeuse recentemente na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e obtivo a cualificación de apto cum laude. Os seus resultados estanse a publicar en revistas científicas de impacto, como BMC Plant Biology e Molecular Breeding.
Relacionadas:
-
A Misión Biolóxica, penalizada por facer contratos indefinidos
Por Redacción |
-
O CSIC nomea a Elena Cartea González directora da Misión Biolóxica de Galicia
Por Redacción |
-
O Consello Superior de Investigacións Científicas participa no Salón do Libro
Por Redacción |
-
A Misión Biolóxica descobre os segredos do Mencía
Por Redacción |
-
Científicos pontevedreses descifran os segredos do herbario máis antigo do mundo
Por Redacción |
-
Un congreso a celebrar en Pontevedra amosará como os grelos e as nabizas axudan a previr o cancro
Por Alejandro Espiño |