O saneamento en Mourente e Bora, pendente das obras de Fomento na N-541
Por Alejandro Espiño
As obras para dotar de saneamento os lugares do Pazo, Eirós e Carabelos (Mourente) levaranse a cabo cando o Ministerio de Fomento inicie os traballos de reforma que están previstos na N-541. Así o reiterou o goberno municipal no Pleno municipal deste luns, anunciado ademais que os técnicos están a ultimar o proxecto para poder executalas. Ascenderá a 995.000 euros, un investimento xa consignado no presuposto.
"Estamos para arrancar cando Fomento e a Xunta boten a andar", explicou César Mosquera en resposta a unha moción presentada polo Partido Popular para que o superávit nas contas municipais se destine integramente a completar o saneamento do rural. Os populares criticaron que "en pleno século XXI" moitos veciños sigan sen contar co servizo "básico" de saneamento, condenando a dividilos entre pontevedreses "de primeira e de segunda".
Jacobo Moreira reclamou que "se é certo ese superávit", o Concello o invista nesta actuación xa que "hai que darlle a todos os pontevedreses os mesmos servizos básicos". Criticou que a estes veciños se lles dixese que non había diñeiro para facer obras de saneamento " e se estén facendo no centro da cidade", citando expresamente os casos da Praza de Galicia ou o Gorgullón. "Os veciños xa non cren ás súas mentiras", afirmou.
Pola súa banda, o socialista Agustín Fernández lamentou que o PP trate de "eximir de toda responsabilidade" a outras administracións e "criminalizar" ao Concello "de todos os males". Neste sentido, recordou que a Xunta de Galicia ten pendente a firma dun terceiro convenio do saneamento e que só se executaron 14 dos 26 millóns comprometidos, dos cales o 30% eran fondos municipais.
Fernández asegurou que os populares non teñen o "mínimo interese" de solucionar os problemas dos cidadáns de Pontevedra e, ao fío das recentes eleccións en Andalucía, ironizou coa "deriva moi andaluza" que, ao seu xuízo, teñen os populares. A eles acusounos de actuar con "imprecisión, manipulación e partidismo" e pediulles que se preocupen de que a Xunta invista aquí "o que recada dos veciños de Pontevedra" co canon de saneamento.
A moción foi rexeitada cos votos de BNG e PSdeG-PSOE, que reiteraron que polo Concello "non vai quedar" e a vontade de executar esta obra "canto antes". Só María Biempica, que recibiu os aplausos da vintena de veciños de Mourente e Bora que acudiron á sesión plenaria, apoiou a iniciativa presentada polo Partido Popular.
MÁIS ASUNTOS DO PLENO
Ademais, o BNG presentou outra moción -avalada por PSdeG-PSOE e María Biempica- para esixir ao Goberno que non "privatice" os rexistros civís, un servizo público gratuíto "que deixará de selo " segundo Vicente García Legísima, "repartindo o pastel en beneficio duns poucos". O PP votou en contra e aseguraron que os cambios permitirán que sexa un servizo "máis eficiente" que o actual e negan esa privatización. "Minten para meter medo á xente", afirmou Moreira.
O Pleno da corporación aprobou tamén, neste caso por unanimidade, a nova ordenanza que regulará a inspección técnica que haberá que realizar nos edificios máis antigos da cidade. En todo caso, os populares reiteraron a súa petición para que, xa que algunhas destas revisións poderían supoñer gastos para os donos destes inmobles, se busquen subvencións ou liñas de crédito para aqueles que non poidan asumilo por falta de recursos.
Relacionadas:
-
O saneamento pendente en Mourente, en obras antes de final de ano
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Os veciños de Mourente demandan á Xunta melloras na estrada que enlaza con Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Que lle custa máis ás arcas municipais? Os preitos do PP ou as viaxes do alcalde?
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide destinar o superávit municipal en 2014 a obras de saneamento do rural
Por Redacción |
-
Veciños de Mourente e Bora lamentan a "actitude indolente" dos políticos ante os seus problemas
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento comezará as obras de mellora na N-541 en Mourente a finais deste ano
Por Oskar Viéitez |