Dous arousanos e un colombiano condenados a seis anos e medio de prisión por introducir coca polo Porto de Marín
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a seis anos e medio de prisión tres homes acusados de delitos contra a saúde pública e constitución de grupo criminal.
O fiscal antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte, alcanzou este martes 24 un acordo de conformidade con estes procesados, dous arousanos e un colombiano, detidos cando pretendían importar cocaína dende Sudamérica camuflada en colectores de mercadorías con destino ao porto de Marín.
Interviñéronse máis de 100 quilos de cocaína nunha carga de bananas que chegaron ao porto en novembro de 2013 empregando o método do "gancho cego", que pasa por ocultar as substancias ilegais en envíos totalmente legais.
Segundo informou Luis Uriarte, en virtude do acordo alcanzado hoxe, o Ministerio Público rebaixou a súa petición inicial de penas de nove anos e medio de prisión a seis anos e medio. Igualmente a petición de multa de 15 millóns de euros para cada un deles pasou a 360 cotas de 6 euros cada unha.
Os condenados son o veciño da Illa de Arousa, Bruno Santiago Allo, de 35 anos, o vilanovés Serafín Carro Pérez, de 38 anos e o colombiano Jairo Alberto Restrepo Romero, de 35 anos e con residencia legal en España.
Segundo informou o avogado, Oscar Zain Sánchez, que defende os intereses de Jairo Alberto Restepo, os procesados "han reconocido los hechos tal y como los relataba el Ministerio Fiscal", polo que se renunciou á práctica de proba algunha, sexa policial, documental ou de calquera outra índole.
O cuarto dos procesados Alfredo Arias García, de 68 anos, non acudiu ao xuízo. O seu avogado Manuel Varela, afirmou "desconozco en qué situación está, hoy tenía que comparecer estaba citado para las diez de la mañana pero no apareció y eso a priori podía haber dificultado el acuerdo con los otros procesados".
Os maxistrados da Sección Segunda ditarán distintas ordes de busca e captura, mesmo de carácter internacional contra Alfredo Arias.
Relacionadas:
-
Desartellan un grupo organizado que levaba anos introducindo cocaína a través do porto de Marín
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A operación Pórtico permite intervir no porto de Marín 70 quilos de cocaína colombiana
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía pide 38 anos de prisión para os catro detidos por introducir 100 quilos de coca nun cargamento de bananas
Por Redacción |
-
As bananas do alixo de cocaína de Marín rematan en Cáritas
Por Natalia Puga |
-
Localizan no porto de Marin 120 quilos de coca nun colector de bananas procedente de Costa Rica
Por Natalia Puga |