César Abal: "Non queremos que con Ence poida pasar o mesmo que cos antigos terreos da fábrica de Tafisa"
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra denuncia o "favoritismo" que está a amosar o goberno local de Pontevedra coa empresa encargada de levar a cabo a urbanización dos antigos terreos da fábrica de Tafisa.
"A pesar de que aseguraron ante un tribunal que estes terreos estarían recepcionados antes do 28 de febreiro, todo segue igual", sinalou este sábado o concelleiro popular César Abal.
O pasado 10 de marzo, o goberno local anunciou unha nova prórroga de quince días, "sen xustificación algunha", para que esta empresa puidese rematar os traballos e, unha vez finalizados, entregase os terreos. Esta nova prórroga comezou a contar a partir do momento no que a empresa recibiu a notificación correspondente, notificación que saíu do Concello o pasado 23 de marzo.
Dende o PP sinalan que foi o pasado día 28 de febreiro cando remataba a última prórroga, de catro meses, concedida polo goberno local en un novo intento de favorecer á empresa. "Estes terreos deberían ter sido recepcionados no ano 2006, e dende entón Lores e o seu goberno non fan máis que darlle voltas, sen xustificación, favorecendo á empresa encargada de rematar os traballos ", advertiu Abal. "Gustaríame que o Concello de Pontevedra fora tan xeneroso cos veciños como o está a ser cunha empresa á hora de concederlle prórrogas para rematar as súas obras ", engadiu.
No mes de outubro do pasado ano 2014, o goberno local lanzou un ultimato dun mes para que a empresa rematase os traballo de urbanización, do contrario abriríaselle un expediente de disciplina urbanística e unha sanción polo incumprimento das súas obrigas. Ao que César Abal engade que "estamos no mes de abril e os terreos seguen sen ser recepcionados".
"NON QUEREMOS QUE CON ENCE POIDA PASAR O MESMO"
"Non queremos que con Ence poida pasar o mesmo que cos antigos terreos da fábrica de Tafisa. Nin fábrica, nin empregos, nin terreos ", asegurou o concelleiro popular, que ademais sinala que "non queremos que se especule cuns terreos como estes, onde vanse a edificar edificios a sete alturas en pleno corazón do Lérez".
Relacionadas:
-
O Concello inicia o proceso para a recepción dos terreos de Tafisa como municipais
Por Redacción |
-
Amplían en 15 días hábiles o prazo para que Lar entregue a urbanización de Tafisa
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera, sobre os que piden máis industria pesada: "Son parte da dereita que segue anclada nos anos 60"
Por Alejandro Espiño |