Amplían en 15 días hábiles o prazo para que Lar entregue a urbanización de Tafisa
Por Oskar Viéitez
A Concellaría de Urbanismo do Concello de Pontevedra decidiu ampliar en 15 días hábiles o prazo de tempo concedido á empresa Lar para entregar a urbanización de Tafisa.
O tenente de alcalde, Antón Louro, recordou que o prazo de dous meses dado á empresa para rematar a urbanización e entregar a parcela concluiu o pasado 28 de febreiro. A Oficina Técnica de Arquitectura emitiu este martes un informe concedendo un novo prazo de 15 días hábiles para concluír os traballos.
O prazo empezará a contar unha vez que se notifique efectivamente á empresa Lar "polo tanto a mediados ou finais deste mes de marzo debería estar rematado", dixo Louro.
A empresa ten pendente a plantación do céspede, algo que non puido facer ata agora debido "ás condicións climatolóxicas" polo frio e a chuvia das últimas semanas que non favorecen a sementeira con éxito.
Unha vez que se conclúa esta manobra os técnicos municipais visitarán a zona e informarán sobre a recepción definitiva da parcela.
"Estamos no último tramo do que é a urbanización da vella Tafisa para ser recepcionada", dixo o concelleiro de Urbanismo que compartiu o seu desexo de que "ogallá cumpran os fins para os que foi feito, e que haxa promotores inmobiliarios que teñan interese en sacar adiante ás edificacións que aí están deseñadas", concluíu Louro.
O PP CRITICA O FAVORITISMO
O Partido Popular de Pontevedra lamentou o "favoritismo" que ao seu xuízo, está amosando o goberno local coa empresa encargada de urbanizar os terreos da antiga fábrica de Tafisa. Así o manifestaron os concelleiros, Ricardo Aguilar e Pablo Fernández tras a Comisión de Urbanismo celebrada este martes.
Os concelleiros do Partido Popular preguntaron ao goberno local se existía algún documento que xustificase esta nova prórroga de 15 días, "pero non quedou claro, no mellor dos casos debe haber un acordo verbal entre o Concello e a empresa", sinalou Aguilar quen advertiu que "o asunto dos terreos de Tafisa é un cúmulo de despropósitos do goberno de Lores dende 2003".
Relacionadas:
-
Xa se pode pasear por Tafisa
Por Natalia Puga |
-
O Concello recepcionará de oficio os terreos de Tafisa ante as "largas" da empresa
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello inicia o proceso para a recepción dos terreos de Tafisa como municipais
Por Redacción |
-
César Abal: "Non queremos que con Ence poida pasar o mesmo que cos antigos terreos da fábrica de Tafisa"
Por Redacción |
-
Hai oco no mercado hoteleiro pontevedrés para un "cinco estrelas"?
Por Oskar Viéitez |
-
O Grupo Lar dá impulso á urbanización de Tafisa, que deberá rematar o 28 de febreiro
Por Redacción |
-
O Grupo Lar necesita máis tempo para acondicionar a urbanización de Tafisa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Ultimátum dun mes ao Grupo Lar para que finalice a urbanización dos terreos de Tafisa
Por Alejandro Espiño |