Urbanizar a parcela de Pasarón como espazo "polivalente" custará uns 240.000 euros
Por Alejandro Espiño
A proxectada zona verde de Pasarón, actualmente utilizada como aparcadoiro disuasorio, converterase finalmente nun espazo "polivalente". Así o describiu o concelleiro Luis Bará, que presentou este mércores os detalles dunha actuación que o goberno municipal executará conxuntamente coa Deputación de Pontevedra. Sae a licitación por un prezo de 241.823,45 euros e a previsión é que se execute durante este ano 2015.
Trátase dunha parcela de 3.486 metros cadrados que será urbanizada por completo. Ademais de resolver cuestións "estéticas" xerais, estas obras pretenden mellorar a accesibilidade e a seguridade de todo este ámbito e dotar ao barrio do Burgo dun espazo público no que se poderá compatibilizar o ocio dos veciños e as posibilidades de estacionamento dos usuarios.
A intervención divídese en tres ámbitos. Na parte máis próxima á bancada de Tribuna habilitarase unha plataforma de formigón, duns cinco metros de ancho e cunha rampla de acceso dende a rúa Luis Otero, para mellorar a accesibilidade nos accesos ao estadio. Estará bordeada por un muro tamén de formigón, similar ao empregado na fachada das instalacións, que, no seu punto de máxima altura, alcanza os cinco metros.
Na zona central da parcela manterase o uso como estacionamento. Haberá dúas áreas, unha para aparcar en batería e outra en liña. O seu uso será libre, salvo os días de partido que estarán reservadas para os servizos de emerxencia- ambulancias, bombeiros, policía- e outras actividades do estadio. A entrada seguirá habilitada por Luis Otero e modificarase lixeiramente a da Avenida da Coruña, que será máis ampla e cambiará de situación.
Algo máis dun terzo de todo este ámbito, uns 1.200 metros cadrados, é o que se reservará para zona verde, que estará delimitada por unha senda peonil. Instalarase céspede, rego automático e unha nova iluminación e soterrarase a liña telefónica que atravesa a parcela. Tamén se mellorará o peche exterior, eliminado o enreixado actual e reforzando o muro de cachotaría que rodea todo este espazo.
Dentro das melloras que as empresas poden ofertar para adxudicarse este proxecto, inclúese o acondicionamento do camiño que une a Avenida da Coruña e a igrexa de Santiaguiño do Burgo pola parte traseira da bancada Sur do campo de Pasarón. Luis Bará recoñece que o seu estado é "lamentable" e espera poder habilitala como senda peonil para mellorar a mobilidade neste barrio.
En virtude do protocolo asinado o pasado mes de febreiro, Concello e Deputación financiarán esta actuación a medias. A redacción do proxecto e a súa posterior licitación corresponden ao goberno municipal. Os técnicos municipais seguiron as pautas marcadas no proxecto aprobado en 2005, "mellorando algún que outro aspecto". De aí que Bará avance que se a institución provincial pon algunha traba "a executaremos nós igual".
Relacionadas:
-
O Concello comeza a remodelación estética na parcela sur de Pasarón
Por Redacción |
-
Ediserpo reformará a zona verde de Pasarón e pavimentará as rúas contiguas
Por Redacción |
-
Licitan por case 242.000 euros as obras para habilitar a zona verde de Pasarón
Por Alejandro Espiño |
-
A zona verde de Pasarón ocupará só un terzo da parcela, o resto seguirá como aparcamento
Por Redacción |
-
Bará, sobre o aparcamento de Pasarón: "O maior lodo que hai aí é a construción do estadio"
Por Alejandro Espiño |