Desestimado o recurso dos empresarios de ximnasios contra o proxecto de Campolongo e A Parda
Por Redacción
O Xulgado Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra desestimou o recurso presentado pola Federación Galega de Empresarios de Ximnasios (FEGAEX) ante diferentes trámites realizados polo Instituto Municipal de Deportes dende que o goberno municipal aprobou o estudo de viabilidade para a execución do proxecto de reforma, mellora, ampliación e explotación das piscinas de Campolongo e a construción do complexo da Parda.
En concreto, este colectivo entendía que o estudo de viabilidade realizado pola actual concesionaria das instalacións de Campolongo, Serviocio, e diversos pasos administrativos posteriores debían ser anulados, ao non ter permitido o IMD que representantes da FEGAEX puidesen acceder á documentación do proxecto e tampouco se lles permitise presentar alegación ningunha no período de exposición pública.
Neste sentido, a federación de ximnasios denunciaba que a ampliación das piscinas de Campolongo e a posta en marcha das instalacións da Parda unha vez que se executen supoñerían unha competencia desleal para o sector privado, xa que os seus prezos populares xerarían unha "sobreoferta brutal" nunha cidade onde "xa existen numerosos ximnasios" que podería verse abocados ao peche.
O IMD negou acceso da FEGAEX á documentación xa que aseguraba que a devandita federación non tiña acreditada suficiente representación e, ademais, tampouco á persoa que dicía actuar como representante lle conceden a consideración de interesado no proceso.
Para o tribunal, o expediente "non ofrece ningún dato relevante do que se poida deducir algún erro ou defecto na forma de tramitar o procedemento por parte do IMD" e alega que o colectivo demandante non fai uso de "argumentos reais" á hora de poñer en dúbida as resolucións formais adoptadas por este organismo dependente do Concello de Pontevedra.
O EDIL DE DEPORTES, SATISFEITO
Tras coñecer esta sentenza, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, sinalou que non sentía "inquietude" ao respecto deste recurso porque teño plena confianza nos funcionarios e nos técnicos municipais". Insiste en que todo o procedemento de licitación foi "impecable" como así se recolle agora nesta resolución. "Isto non fai máis que evidenciar que actuamos de forma rigorosa e axustada a dereito", reiterou.
Agustín Fernández, apelando a este fallo favorable, defendeu unha vez máis esta licitación, a pesar das críticas recibidas dende outras formacións, algunhas das cales, dixo, "aproveitaron para facer moita demagoxia e para insinuar, ou dicir directamente, algunhas burradas que quedarán nas hemerotecas,".
"Eu comprendo que haxa partidos novos, que chegan e queren ocupar un espazo, que non coñecen ben o tema e por iso fan propostas pouco meditadas", explicou o edil socialista, quen concluíu sinalando que "o que non comprendo é que o Partido Popular demostre unha ignorancia tan grande como a que evidencia o seu voceiro, Jacobo Moreira, neste asunto".
Relacionadas:
-
Prometen axilizar o "máximo posible" o novo contrato das piscinas de Campolongo ante as críticas do PP
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O PP propón melloras para o novo prego das piscinas de Campolongo
Por Redacción |
-
Moreira promete equiparar as condicións laborais das piscinas de Campolongo coas do IMD
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello renuncia ao centro lúdico da Parda e impulsa un novo concurso público para Campolongo
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Insisten en licitar xuntos Campolongo e A Parda, pero non descartan facelo finalmente por separado
Por Alejandro Espiño |