O Concello renuncia ao centro lúdico da Parda e impulsa un novo concurso público para Campolongo
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
"A Parda queda aparcada ata que os tempos o permitan". Con estas verbas o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández, anunciaba a renuncia á construción inmediata do centro lúdico deportivo da Parda.
Tras a falta de ofertas para xestionar conxuntamente A Parda e as piscinas de Campolongo, o Concello viuse obrigado a separar os proxectos previstos en ambos os dous centros, impulsando un novo concurso público para Campolongo.
Así o acordou este luns a xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD), que tras declarar deserto oficialmente o primeiro concurso xa se puxo a traballar na tramitación dun novo que será aberto "despois de falar cos técnicos e asesores xurídicos e vista a complexidade que ten o asunto".
Agustín Fernández: "Non vou ocultar que para min é unha decepción persoal e política"
A intención, asegura Fernández, é "intentar sacalo canto antes" e lograr que a nova empresa poida asumir a súa xestión antes do fin da prórroga actual da concesionaria, que caduca o 30 de xuño. De non ser así trabállase tamén nun proceso negociado para a xestión das piscinas ata que se adxudique o novo contrato "para garantir que seguirán funcionando".
O feito de desvincularse da Parda supón algunhas variacións nas condicións do contrato, como o prazo de concesión que será sensiblemente inferior aos 40 anos previstos inicialmente. Ademais barállase a implantación dun canon anual similar ao actual (30.000 euros), mentres o investimento na mellora das instalacións se manterá en "máis ou menos tres millóns de euros".
En canto ao centro lúdico deportivo o concelleiro de Deportes recoñeceu que "non vou ocultar que para min é unha decepción persoal e política" paralizar o proxecto, aínda que mirou cara ao futuro ao sinalar que tras as eleccións "teremos que sentarnos todas as administracións e valorar o que facer".
CC.OO. PIDE A MUNICIPALIZACIÿN
Pola súa parte, os delegados de Comisións Obreiras nas piscinas de Campolongo, Manuel González e Benito Guimeráns, reclaman que o goberno local municipalice o servizo destas instalacións. Afirman que a situación actual de prórroga, que finaliza o 30 de xuño, é ilegal e que os 50 empregados que traballan nas piscinas se encontran nunha situación de indefensión ao descoñecer o seu futuro laboral. Por este motivo, reclaman o goberno local que desprivatice a atención deste servizo que, segundo apuntan, non é deficitario e conta con 1.500 usuarios.
Manuel González afirmou, durante a rolda de prensa na que tamén se encontraba o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, que Agustín Fernández é o peor concelleiro de Deportes que houbo en Pontevedra.
Representantes deste sindicato teñen previsto iniciar un calendario de mobilizacións de protesta, que se iniciarán coa participación nos actos do 1º de maio. Ademais teñen previsto reunirse con todos os candidatos á alcaldía de Pontevedra para expoñer a súa situación.
Relacionadas:
-
Aproban a prórroga do contrato das piscinas de Campolongo e iniciar os trámites para o novo
Por Alejandro Espiño |
-
O PP propón melloras para o novo prego das piscinas de Campolongo
Por Redacción |
-
Desestimado o recurso dos empresarios de ximnasios contra o proxecto de Campolongo e A Parda
Por Redacción |
-
Moreira promete equiparar as condicións laborais das piscinas de Campolongo coas do IMD
Por Alejandro Espiño |
-
Insisten en licitar xuntos Campolongo e A Parda, pero non descartan facelo finalmente por separado
Por Alejandro Espiño |
-
O PP urxe ao Concello a que "mañana mismo" licite a reforma das piscinas de Campolongo
Por Natalia Puga |
-
Ningunha empresa presenta oferta para xestionar conxuntamente as piscinas de Campolongo e A Parda
Por Diego Espiño |