Insisten en licitar xuntos Campolongo e A Parda, pero non descartan facelo finalmente por separado
Por Alejandro Espiño
No goberno municipal "no descartamos nada" con respecto á licitación da reforma das piscinas de Campolongo e da construción do centro lúdico da Parda. A única excepción, segundo Agustín Fernández, é que este contrato -que saíu a licitación por un valor de case seis millóns de euros- non se adxudicará mediante un proceso negociado, invitando directamente a un número determinado de empresas.
O concelleiro de Deportes non oculta que a opción preferida polo Concello de Pontevedra é volver licitar de forma conxunta Campolongo e A Parda. A asesoría xurídica está a estudar cal sería a mellor fórmula para evitar que o concurso volvese quedar deserto. Entre elas, barállase rebaixar as esixencias do prego inicial ou mesmo dar unha maior marxe de tempo á empresa que logre o contrato para que constrúa o complexo da Parda.
Todas as solucións que se están a estudar coinciden en sinalar como "prioritaria" a reforma das actuais instalacións das piscinas de Campolongo. Por iso, o edil socialista recoñece que tampouco se descarta que, finalmente, o Concello opte por desligar ambos os dous proxectos e contratar Campolongo e A Parda por separado, como esixen entre outros, o Partido Popular ou Marea Pontevedra.
"Si los separamos, el concurso iría más rápido", explica Fernández, xa que entende que atraerían un maior número de empresas. "Las piscinas de Campolongo son muy rentables", reiterou. Pero insiste en que iso supoñería descartar practicamente a construción da Parda porque é un investimento "importante" que, a falta de interese privado, non podería asumir as arcas municipais porque "sería difícil de justificar habiendo otras prioridades".
De aí que Fernández reitere que Pontevedra necesita piscinas descubertas e ao aire libre e insista en que "si no somos inteligentes, nos quedaremos sin ellas".
A intención do responsable de Deportes no goberno municipal é que este asunto se decida antes do verán, polo que a próxima semana se convocará unha reunión da Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) que ratificará o resultado de anterior concurso e na que se analizarán as diferentes propostas nas que están a traballar os técnicos municipais.
O PP ESIXE MÁIS TRANSPARENCIA
Esta reacción do concelleiro de Deportes produciuse despois da rolda de prensa na que o Partido Popular denunciaba que despois de quedar deserto o concurso hai dúas semanas "nada sabemos de las intenciones del gobierno local", segundo o concelleiro César Abal.
Os populares instan á convocatoria da Xunta Reitora do IMD para analizar a situación na que se encontra este proxecto e fai un chamamento para que a solución se consensúe cos traballadores e cos usuarios, tanto individuais como clubs, que utilizan as actuais instalacións de Campolongo.
En todo caso, insisten en que non entenden como pode quedar deserto unha adxudicación destas características. Tomás Abeigón, coordinador de Deportes na xunta local do PP, apuntou que en Navia (Vigo) se licitou polo mesmo método un complexo deportivo que alcanzou un investimento de case 9 millóns de euros con piscinas, pistas polideportivas, canchas de pádel, un campo de fútbol 7 e numerosos servizos complementarios.
Relacionadas:
-
Desestimado o recurso dos empresarios de ximnasios contra o proxecto de Campolongo e A Parda
Por Redacción |
-
O Concello renuncia ao centro lúdico da Parda e impulsa un novo concurso público para Campolongo
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Marea Pontevedra coincide co PP en desvencellar a reforma das piscinas de Campolongo do complexo da Parda
Por Redacción |
-
O PP urxe ao Concello a que "mañana mismo" licite a reforma das piscinas de Campolongo
Por Natalia Puga |
-
Ningunha empresa presenta oferta para xestionar conxuntamente as piscinas de Campolongo e A Parda
Por Diego Espiño |