Novas Xeracións do PP de Pontevedra organiza unha recollida de alimentos para a Protectora Os Palleiros
Por Redacción
Novas Xeracións do Partido Popular de Pontevedra solicita unha recollida de alimentos para a Protectora de Animais Os Palleiros durante esta semana. Segundo expoñen os populares trátase dunha pequena colaboración polo magnífico traballo que a protectora de animais desenvolve no noso municipio grazas ao compromiso de xente que, dun xeito desinteresado, "dan parte do seu tempo por axudar aos cans que non tiveron moita sorte".
Os populares solicitan á poboación que colaboren trasladando sacos de penso, latas de comida húmida ou salchichas, que resultan moi útiles para dar as medicinas aos animais. Os alimentos deberán trasladarse á sede local na rúa da Oliva, en horario laboral de luns a venres.
Os mozos de Novas Xeracións do PP anuncian, ademais, que este domingo 3 de maio, se as condicións meteorolóxicas o permiten, se sumarán ao "paseo palleiro" para facer un percorrido cos demais voluntarios da protectora e veciños aos animais. Invitan a todos os que queiran realizar o paseo a sumarse a esta iniciativa: "cantas máis persoas sexamos, máis animais poderán saír a pasear", sinalan os membros desta agrupación política.