O verán traerá conciliación a Sanxenxo co programa 'Paifillonai'
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo abrirá este martes 19 de maio o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación da vida familiar e laboral 'Paifillonai', que se celebrará en xullo e agosto no CEIP Portonovo.
A concelleira de Benestar Social, Isabel González, explica que 'A volta ao mundo en barco' será o lema desta nova edición do plan co que o Goberno local busca ofrecer aos pais e nais unha opción lúdica-educativa para os seus fillos na tempada en que "a súa carga laboral vese incrementada ao ser un municipio eminentemente turístico". Segundo adiantou, nesta ocasión "haberá unha maior introdución do idioma inglés nas actividades programadas dado o éxito da experiencia iniciada na anterior convocatoria".
Os destinatarios desta iniciativa son os nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades comezarán o 1 de xullo e estenderanse ata o 31 de agosto e os interesados en sumarse terán ata o día 29 para entregar as instancias no Centro Municipal de Servizos Sociais, situado en Portonovo.
Para aqueles pais que apunten a un só fillo no horario amplo, as taxas serán de 80 euros por unha quincena, 130 euros por un mes e 210 euros por toda a tempada. Para o segundo menor matriculado en Paifillonai da mesma familia os prezos serán de 70 euros por quince días, 110 euros por mes e 180 por xullo e agosto. Para o terceiro fillo ou filla e sucesivos, fixaranse unhas taxas de 60 euros a quincena, 85 euros o mes e 120 euros o bimestre.
Pola súa banda, o horario reducido irá dende as 9.00 ou as 10.00 horas ata as 13.20 horas e as taxas serán de 60; 95 e 170 euros por un só fillo ou filla anotado medio mes, un mes e dous meses, respectivamente, mentres que para o seu irmán ou irmá as tarifas ascenderán a 50; 85 e 140 euros. Polo terceiro neno ou nena matriculado media xornada, a familia só deberá aboar 40; 65 e 90 euros por quincena, mes e bimestre.