O megaveleiro de chapa abandona Marín
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Na tarde deste luns abandonou o porto de Marín o megaveleiro Sea Cloud Hussar.
Con 135,7 metros de eslora de aceiro, 23 metros máis longo que o buque escola Juan Sebastián Elcano, este barco deseñado por Iñigo Echenique se converteu en todo un símbolo da ruína que dezmou a otrora florecente industria naval de Marín.
Da man do empresario José María Suescun, fundador de Corporación Dermoestética, Factoría Naval facíase no ano 2008 cun substancioso contrato da armadora alemá Hansa Treuhand Holding AG, para construír por 65 millóns de euros este veleiro de luxo de tres mastros para levar a 138 pasaxeiros en 69 camarotes e tres suites.
Factoría Naval xeraba por aqueles días á súa división Marin LuxurYachts. Eran días de viño e rosas, ata que a crise se cruzou como un iceberg na traxectoria do estaleiro.
O resto xa é coñecido por todos, o afundimento de Factoría Naval arrastrou multitude de empresas auxiliares que coa súa desaparición destruíron centos de postos de traballo. De nada serviron os millonarios rescates da Xunta para salvar a esta firma que acabou integrándose na estrutura da súa empresa veciña, o estaleiro Nodosa, nunha compra que se pechou por 4,7 millóns de euros.
Agora Bankia, como última propietaria do Sea Cloud Hussar, viuse obrigada a retirar este casco de aceiro con rumbo a Vigo. "Deixao ir", mascaba entre dentes un mariñeiro ao velo marchar.