Condenan a 18 anos de prisión a Miguel Sanmartín de matar e agredir sexualmente a Isabel Pérez
Por Oskar Viéitez
Atendendo ao veredicto de culpabilidade emitido polo Tribunal do Xurado, a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condena ao acusado Miguel Sanmartín Argibay a 18 anos de prisión como autor criminalmente responsable dun delito de homicidio e dun delito de agresión sexual contra María Isabel Pérez Fraga.
O fallo considera a concorrencia das circunstancias agravantes de abuso de superioridade e de parentesco, así como o atenuante analóxico cualificado de embriaguez.
En concreto, polo delito de agresión sexual, a condena é de seis anos de prisión e inhabilitación absoluta durante o tempo da condena; a medida de liberdade vixiada por tempo de oito anos e a pena accesoria de prohibición de residir e de acudir dentro do término municipal de Marín, durante un tempo de sete anos.
Ademais polo delito de homicidio, a condena é de doce anos de prisión con inhabilitación absoluta durante o tempo da condena e a pena accesoria de prohibición de residir e de acudir dentro do término municipal de Marín, durante un tempo de trece anos, polo delito de homicidio.
O tribunal pontevedrés condena, así mesmo, a Miguel Sanmartín Argibay a que en vía de responsabilidade civil indemnice a Francisco Manuel Pérez Fraga, irmán da vítima, na suma de 60.000 euros. Tamén se impoñen ao condenado as costas do proceso.
As partes poden interpoñer recurso de apelación contra este fallo ante a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza.
Na sentenza, de acordo co veredicto emitido polo Tribunal do Xurado por unanimidade, decláranse "feitos probados" que o condenado, Miguel Sanmartín Argibay, o día 26 de decembro do 2013, cando se encontraba na casa da súa noiva e por "circunstancias descoñecidas" propinou varios golpes a María Isabel, "sobre todo en cara e cabeza", tirándoa ao chan e causándolle múltiples lesións.
Deseguido, o acusado, aproveitando a situación de atordamento na que se encontraba María Isabel a causa dos golpes recibidos e "movido por un afán de atentar contra a libre determinación sexual dela", tras quitarlle as roupas que vestía de cintura para abaixo, introduciulle na vaxina un bote de spray, así como o colo dunha botella de vidro, o que produciu importantes lesións á muller.
Case inmediatamente, o acusado aproveitándose da devandita situación de atordamento na que se encontraba María Isabel e "coa finalidade de rematar coa súa vida", lle apertou a parte anterior do pescozo cunha man, á vez que coa outra lle premeu e taponou a boca e os orificios nasais, ata provocar a súa morte por asfixia-sufocación.
Como "feito favorable incontrovertido", a sentenza declara probado que antes de cometer o crime, Miguel Sanmartín Argibay inxerira bebidas alcohólicas "en cantidade abondo como para alterar de forma moderada as súas facultades de intelixencia e vontade".
Relacionadas:
-
Controvertido veredicto de culpabilidade no crime de Marín: "Gracias por ayudar a un asesino"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rebaixan de 35 a 18 anos a pena solicitada para o autor confeso do crime machista de Marín
Por Natalia Puga |
-
Destacan a crueldade do crime de Marín: "Es imposible contar los golpes, hay muchos y violentos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Si realmente es culpable, que le caiga la máxima pena posible"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Admite que matou e violou a súa moza en Marín, pero alega que o fixo bébedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |