O PSOE pide Urbanismo, Servizos Sociais, Obras e Servizos e garante que Luciano Sobral será alcalde
Por Alejandro Espiño
A negociación entre BNG e PSdeG-PSOE para formar goberno en Poio avanzan a bo ritmo, pero sen présa. Así o recoñecen Luciano Sobral e Chelo Besada, tras a primeira reunión formal que ambas as dúas partes mantiveron na noite do xoves. Unha cousa teñen claro, o nacionalista non terá problemas en ser investido de novo como alcalde o próximo 13 de xuño, aínda que o pacto non se pechara para entón.
Tras recordar que "levamos dous mandatos apoiándoo como alcalde", a voceira socialista adianta que "en principio votaremos por Luciano Sobral que ademais é a lista máis votada". Iso si, puntualiza, "non é unha decisión que teña que tomar eu soa" e estará supeditada á aprobación por parte da executiva do seu partido.
Sobral, que valorou de forma "positiva" este primeiro encontro, tan só quixo confirmar que "haberá cambios" na composición do goberno e nas áreas que se repartirán socialistas e nacionalistas se este acordo chega, como é previsible, a bo porto.
Moito máis explícita foi Chelo Besada. Afirmou que "algo se avanzou" na reunión deste xoves e detallou que, sobre a mesa, está xa a proposta de asumir os tres concelleiros do PSdeG-PSOE as áreas de Obras e Servizos (para a propia Besada), Servizos Sociais (para Rosa Fernández, quen xa ostentou a devandita responsabilidade entre 2007 e 2011) e Urbanismo (para Gregorio Agís, que abandonaría así Medio Ambiente tras oito anos).
Ademais, ambas as dúas partes teríanse posto de acordo en tratar de corrixir "vicios adquiridos" durante os últimos oito anos de goberno coaligado en Poio.
Despois de consultar cos seus respectivos grupos, BNG e PSdeG-PSOE volverán fixar un novo encontro no que xa se podería formalizar o acordo. Será, en todo caso, a mediados da próxima semana e non se descarta mesmo chegar á investidura, o día 13 de xuño, con aspectos aínda por concretar.
Relacionadas:
-
BNG e PSOE asinan un pacto de goberno en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Nito Sobral reelixido alcalde de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
BNG e PSOE, sen présa en Poio: "Esta semana comezaremos a falar", asegura Luciano Sobral
Por Alejandro Espiño |
-
Eleccións 24M: O BNG segue como forza máis votada en Poio, pero cede un concelleiro ao PSOE
Por Redacción |