BNG e PSOE asinan un pacto de goberno en Poio
Por Oskar Viéitez
Luciano Sobral (BNG) e Chelo Besada (PSOE) reeditaron este venres o pacto que lles propiciou o goberno no Concello de Poio durante os últimos oito anos "porque os cidadáns nos marcaron este camiño", indicou o alcalde nacionalista.
Este venres asinouse o documento no que se establece a repartición das distintas áreas que xestionarán cada un dos concelleiros.
Así, por parte do PSOE, a tenente de alcalde Chelo Besada suma a carteira de Servizos á xestión de Obras, Pesca e Marisqueo, que desempeñaba durante o anterior mandato. Pola súa banda, Rosa Fernández volve á concellaría de Igualdade e Servizos Sociais, que xa ocupou no 2007-2011, e Gregorio Agis, pasa a levar a área de Urbanismo e Desenvolvemento Local.
En canto aos edís do Bloque Nacionalista Galego: Silvia Díaz será a concelleira de Cultura; Lidia Salgueiro encargarase de Educación, Xuventude e Festexos; Xosé Lodeiro levará Medio Ambiente, Sanidade, Mercados e Cemiterios; Marga Caldas será a responsable de Deportes; Xulio Barreiro, Facenda e Patrimonio e Xosé Luis Martínez, concelleiro de Turismo, Persoal, Seguridade Cidadá e Mobilidade.
DEDICACIÓNS EXCLUSIVAS
O próximo luns celebrarase o Pleno constitutivo no tamén se formalizarán as dúas dedicacións exclusivas para o alcalde, Luciano Sobral e para Chelo Besada e tres dedicacións parciais, unha para os socialistas e dous para o Bloque.
Deste modo o Concello de Poio, con case 17.000 habitantes, mantén a austeridade xa que a lei lle faculta para dispoñer de sete dedicacións exclusivas e autoriza un gasto de ata 350.000 euros para o funcionamento do goberno local, non obstante o custo é un 38% menor, e apenas supera os 136.000 euros anuais, cuns soldos que se manteñen conxelados dende hai oito anos.
DEPUTACIÓN
A distribución de áreas de xestión no Concello de Poio está supeditada ao que aconteza na Deputación de Pontevedra cun posible pacto de goberno entre o PSOE e BNG, dado que Chelo Besada formará parte desta Corporación e podería asumir algunha responsabilidade na Administración provincial.
Esta circunstancia foi considerada no pacto de goberno de Poio, segundo recoñeceu Chelo Besada, xa que "en todo momento cando se fai un pacto destas características o que priman son os cidadáns e dende logo en ningún momento se prexudicará aos veciños de Poio por eu asumir demasiadas competencias".