O mercado de Ponte Caldelas roza a plena ocupación e ultima unha reforma para o verán
Por Redacción
Catro novos postos adxudicáronse nos últimos días no mercado municipal de Ponte Caldelas. Foron solicitados por un empresario para un posto de venda de peixe.
En concreto adxudicouse un posto de lateral (que quedase vacante) e tres postos de bancada central.
A finais de 2013 fíxose unha convocatoria pública para a concesión dos postos vacantes no mercado. Dende esa data, ao non haber solicitudes para completalos, quedou aberta a posibilidade de que algún interesado puidese facer a solicitude cumprindo todos os requisitos establecidos no prego aprobado no seu día.
Con esta adxudicación, o mercado alcanzará un nivel de ocupación superior ao 80%, contando cunha oferta variada de venda de peixe, carnizarías e froitaría.
Ademais, o Concello ten aprobado un proxecto para unha importante reforma do mercado, pendente só da concesión da subvención por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
O custo desta actuación ascende a 62.198 euros, dos cales 43.538 euros serán achegados pola Xunta de Galicia. Poderá executarse este verán.