O premio de Dubái financiará proxectos sociais de sete entidades de Rede Axuda
Por Alejandro Espiño
Un total de 25.000 euros repartiranse sete entidades colaboradoras de Rede Axuda para financiar diferentes proxectos sociais no municipio. É o diñeiro que recibiu o Concello de Pontevedra -30.000 dólares menos impostos- polo premio ONU-Hábitat que recolleu en Dubái. Así se acordou durante un encontro que mantiveron todas elas na Casa Azul, xunto á concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces.
Cada unha delas presentou un proxecto concreto que, a partir de agora, deberá ser detallado e presupostado para repartir o diñeiro do mellor xeito posible entre todas as asociacións.
En concreto, Meniños aposta por unha iniciativa de ocio educativo que permitirá sufragar os gastos de nenos que queiran ir, por exemplo, ao conservatorio ou realizar algunha actividade deportiva; mentres que Rexurdir Provincial financiará a compra dunha pequena camioneta e Cáritas fará reformas no albergue de San Javier para axeitar o estado das instalacións.
Amigos de Galicia, pola súa banda, destinará o diñeiro que lle corresponda a subvencionar un reforzo educativo en verán para fillos de familias sen recursos; o Club de Leones comprará aceite, o produto que máis necesitan; Calor y Café mellorará as condicións do seu albergue comprando deshumificadores e calefactores; e a Fundación Secretariado Gitano dará bolsas para participar nos seus programas de formación.
Nun principio estudouse a posibilidade de aprobar axudas para os futuros inquilinos das vivendas sociais de Valdecorvos, pero finalmente acordouse que estas persoas sexan derivadas aos servizos sociais para que poidan ser beneficiarias das axudas de emerxencia social, cumprindo os requisitos que marquen os técnicos municipais.