Preto de 450 docentes analizarán en Poio como avaliar as prácticas externas do alumnado
Por Redacción
Cando o Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas celebrou a súa primeira edición, en 1987, o achegamento do alumnado universitario ao mundo profesional a través das prácticas era aínda un campo por desenvolver. Por iso, o congreso bienal que desde entón se vén desenvolvendo no Mosteiro de Poio iniciou a súa andaina afondando na súa implantación ou no seu impacto na aprendizaxe.
28 anos despois, as prácticas externas son xa “un compoñente curricular importante en todas as titulacións”, como apunta o catedrático Alfonso Cid, membro do comité organizador dun seminario que no presente ano centrará o seu debate nunha das materias pendentes neste eido, a análise dos mecanismos existentes para avaliar a aprendizaxe que supoñen estas prácticas.
Farano entre os días 29 de xuño e o 1 de xullo no Mosteiro de Poio, na décimo terceira edición dun simposio que polo de agora ten confirmado a participación de preto de 450 persoas.
Organizado polas tres universidades galegas, xunto coas do País Vasco, Málaga, Valencia e a Politécnica de Madrid, o XIII Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas está fundamentalmente dirixido ao persoal docente e aos titores do prácticum, que durante tres días debaterán nesta vila pontevedresa sobre como mellorar os mecanismos dispoñibles para “avaliar o seu impacto formativo”, como apunta Cid, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e membro da comisión xestora responsable da organización deste congreso.