300 investigadores analizan en Poio como lograr que as prácticas non sexan un verso solto na formación universitaria
Por Redacción
Preto de 300 docentes e investigadores reúnense dende este luns na Hospedería do Mosteiro de Poio nunhas xornadas moi ancladas na realidade universitaria actual, o XIII Symposium Internacional sobre o Prácticum e as Prácticas Externas. Durante tres días se fará unha análise que busca que o prácticum deixe de ser "un verso solto dentro do traballo universitario".
O coordinador do Symposium, Miguel Ángel Zabalza, destacou que aínda que nalgunhas titulacións poidan supor preto do 30% da formación total, as prácticas externas carecen a día de hoxe dun modelo de avaliación da calidade equiparable aos doutros elementos da formación universitaria. De aí que o desenvolvemento de medidas que permitan responder á pregunta de que foi o que aprendeu un estudante na súa estadía nunha empresa sexa precisamente o eixo central destas xornadas.
O vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Reponsabilidade Social da Universidade de Santiago, María Dolores Álvarez, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, participaron este luns na apertura do simposio bienal, que reúne a profesorado de diferentes países europeos e de América Latina e está impulsado polas tres universidades galegas.
O profesor Miguel Ángel Zabalza considera que a universidade actual ten que combinar o traballo sobre as cuestións máis teóricas con aspectos prácticos, porque "os rapaces non só teñen que saír coa cabeza chea de ideas, senón que teñen que saber facer cousas", segundo as súas declaracións recollidas polo Diario da Universidade de Vigo.
Durante estes días, investigadores de diferentes eidos presentarán en Poio preto de 170 comunicacións, co obxecto de reunir puntos de vista moi diferentes respecto de como avaliar e documentar as competencias adquiridas polo alumnado fóra das aulas, no propio mundo laboral.
Co propósito de promover un intercambio de experiencias, este simposio internacional reúne non só a coordinadores de prácticas de diferentes universidades españolas, senón tamén a profesorado de diferentes países, co obxecto de poder coñecer diferentes experiencias na implantación e avaliación das prácticas externas.