A vivenda incendiada en Santa María tiña aberto un expediente urbanístico polo seu estado
Por Redacción
A vivenda incendiada na avenida de Santa María na madrugada do sábado ao domingo xa tiña aberto antes do incendio un expediente no servizo de Disciplina Urbanística polo estado no que se encontraba e neste momento, cando se van cumprir dous días do lume, os técnicos están a avaliar se existe risco de derruba do inmoble.
Segundo informou a concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Carme da Silva, os técnicos municipais prevén rematar o informe sobre o edificio nestes días, en todo caso antes, deste mércores 17 de xuño, data na que se permitirá o acceso a este. Ese día prevese que entren os especialistas da Policía Científica da Comisaría Provincial de Pontevedra para avanzar na investigación aberta na propia madrugada do domingo para determinar as causas do lume.
Os especialistas non puideron entrar, de modo que non se recolleron probas ata o momento e nin o Concello nin a Policía queren especular sobre a orixe do lume ata ter todos os datos sobre este. Ademais, nestes momentos, a prioridade é garantir a seguridade da zona.
A concelleira de Seguridade Ciudadana indicou que dende o Concello non teñen constancia oficial de que houbese persoas vivindo no inmoble incendiado, que levaba anos deshabitado, pero si existen indicios que apuntan á presenza de ocupas na casa. Así os veciños da zona indicaron que adoitaban ver persoas acceder ao inmoble e efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra que accederon para sufocar as chamas encontraron no interior restos de colchóns, víveres e outros aparellos que apuntaban á presenza de persoas 'okupando' a vivenda.
De momento, dende a Policía Nacional lograron poñerse en contacto cunha das dúas donas da casa, cuxa propiedade está dividida en dous a pesar de que externamente parece un único inmoble.
En relación coas consecuencias do incendio, Carme da Silva indicou que hai danos importantes no propio inmoble, pero non nos lindantes. O día dos feitos evacuouse os veciños das casas próximas por precaución, pero as chamas non alcanzaron a ningunha outra e tampouco á basílica de Santa María a pesar de que o lume durou activo catro horas.
Relacionadas:
-
Despréndese o falso teito dunha vivenda no Campiño de Santa María
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O incendio da vivenda de Santa María comezou no vestíbulo e deixou inservible o tellado
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A vivenda incendiada en Santa María presentaba indicios de estar habitada por ocupas
Por Diego Espiño |
-
Os bombeiros evitan que un incendio xunto ao "Cortello" afecte a Santa María
Por Diego Torrado | Creada e actualizada