Os graduados en Dirección e Xestión Pública poderán converterse en xestores administrativos
Por Redacción
O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Xestores Administrativos de España acaba de decretar que a titulación que se imparte na Facultade pontevedresa de Ciencias Sociais e da Comunicación habilita para presentarse ás probas de acceso a esta profesión, que en Galicia exercen preto de 600 persoas.
Así o anunciaron nesta xornada en rolda de prensa a decana, Emma Torres, e a presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, Pilar Otero, xunto co profesor Enrique Varela e o delegado do colexio en Pontevedra, José Manuel Carril.
Segundo explicou Otero, o estatuto que regula esta profesión establece que para o seu exercicio é preciso estar en posesión da licenciatura en Dereito, Ciencias Económicas, Ciencias Empresariais, Ciencias Políticas ou Administración e Dirección de Empresas, así como superar uns exames e colexiarse na demarcación que corresponda. Neste senso, a presidenta do colexio galego apuntou que a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior obriga a unha modificación deste estatuto, mais, namentres esta non se fai efectiva, "temos que dar entrada ás titulacións que acrediten dalgún xeito que poden substituír a aquelas que non van a existir".
Entre elas, o grao que se imparte desde o curso 2009/2010 no campus pontevedrés e que, segundo determinou o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Xestores Administrativos de España, forma aos seus alumnos nunhas competencias equiparables ás da antiga licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración.
UNHA NOVA SAÍDA LABORAL
A decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, acolleu este anuncio como unha noticia "moi positiva, que estabamos a agardar con moita ilusión", e destacou a implicación do profesorado do grao para a obtención dun "recoñecemento moi importante para unha titulación única no sistema universitario español".
Para Torres esta nova saída profesional para os titulados supón un "acicate máis para un grao que estamos convencidos que vai ser un dos títulos cun papel social máis importante nos últimos anos", motivado polo feito de que "a necesaria renovación das institucións pasa por unha axeitada formación dos profesionais que se ocupen destas".
Finalmente, a presidenta do colexio destacou como "moi importante para a facultade e para o noso colectivo" esta habilitación que permitirá aos titulados inscribirse, por primeira vez, nas probas de acceso que está previsto que se convoquen para os meses de outubro ou novembro.
Relacionadas:
-
O alumnado de Dirección e Xestión Pública tratará de facer visible o seu grao nas institucións
Por Redacción |
-
Dirección e Xestión Pública do campus pontevedrés, o grao mellor avaliado da Universidade de Vigo
Por Redacción |
-
Os estudantes de Dirección e Xestión Pública terán a posibilidade de formarse a través de Internet
Por Oskar Viéitez |