Dez alumnos con discapacidade do IES Montecelo realizarán prácticas na Deputación
Por Redacción
Dez alumnos do IES Montecelo iniciarán prácticas profesionais nas dependencias da Deputación a partir do próximo mes de setembro, segundo se estableceu no convenio acordado coa consellería de Cultura aprobado no pleno provincial e dirixido a mozos con discapacidade.
Trátase de alumnos do ciclo de Servizos Administrativos que reforzará a súa aprendizaxe académica con prácticas no organismo provincial co fin de mellorar a súa preparación profesional de cara á súa futura inserción laboral.
A formación práctica será de 9 meses, cunha xornada de 24 horas semanais nas que se combinará formación e traballo. O ciclo complétase con horas de formación presencial no IES Montecelo coas que se quere que os mozos que participan nestes cursos obteñan formación teórica e prácticas nun ámbito real de traballo.
O alumnado seleccionado dispoñerá dunha bolsa económica en compensación polas tarefas realizadas. Este proxecto de FP Dual dirixido a persoas con discapacidade prolongarase durante os tres próximos cursos, ata 2018.