Os Colexios de Arquitectos de Pontevedra e Vigo convocan unha nova edición do certame provincial "Gran de Area"
Por Oskar Viéitez
As Delegacións de Vigo e Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia organizan conxuntamente a décimo terceira edición dos “Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2015”. O acto de presentación das bases desta nova convocatoria do certame, que se celebrou este martes na Casa das Campás de Pontevedra, estivo dirixida polo presidente da entidade colexial de Vigo, Antonio Davila, e o titular do colexio pontevedrés, Manuel Abelleira.
Estes galardóns supoñen un recoñecemento a arquitectos, promotores, construtores e aparelladores "polo seu labor en equipo e traballo conxunto destinado a obter unha obra arquitectónica de calidade". O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor do contorno”.
Nesta edición dos premios provinciais, a Delegación de Pontevedra é a responsable da organización da convocatoria, mentres que a Delegación de Vigo ocuparase da xestión do evento de entrega de premios. O criterio de selección será establecido polo xurado, que poderá valorar a totalidade do proxecto ou, unicamente, un determinado aspecto da obra que aporte un carácter singular ou de valor: tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio, entre outros aspectos.
RELEVANCIA DOS PROXECTOS DE INTERIORISMO
Antonio Davila espera alcanzar o nivel “elevado” da pasada edición, no que moitas das obras premiadas cos "Gran de Area" foron recoñecidas nos Premios COAG da arquitectura galega. E xa de maneira máis concreta, Davila indicou que debido ao alto nivel dos traballos de interiorismo, as delegacións están considerando a opción de crear unha categoría propia ou mesmo un premio específico para o interiorismo e decoración. Manuel Abelleira sinalou o carácter abertos destes premios nos que teñen cabida calquera categoría de proxecto, sexa vivenda, arquitectura civil ou interiorismo.
Poderán optar aos premios todos os arquitectos colexiados, con proxectos redactados ou obras finalizadas na provincia de Pontevedra, ata o último día de presentación válida desta edición, e que non foran presentadas en edicións anteriores do certame.
O prazo de inscrición e presentación da documentación dos proxectos rematará o 10 de agosto ás 14:00 horas.
Os premios fallaranse na primeira quincena de setembro. Os gañadores ofrecerán un ciclo de conferencias durante os meses de outubro e novembro.