Ultiman os detalles da Festa do Polbo de Bueu, que se celebrará do 14 ao 16 de agosto
Por Redacción
Xa hai data para a XVI Festa do Polbo de Bueu. Será finalmente os días 14, 15 e 16 de agosto. Así se decidiu na reunión que mantivo este martes a concelleira de Economía, Silvia Carballo, cos hostaleiros dos restaurantes Nuncia e Casa Quintela e cos representantes de conxelados Hermanos Portela e Rosa de los vientos.
Nela, acordouse tamén que o pregón sexa o sábado 15 pola mañá. Así, o horario para servir pratos inaugurarase o venres 14 das sete e media da tarde ás doce da noite, e o sábado e domingo de 11.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00 horas.
Tras unha reunión na que se debateron diferentes temas da organización deste evento, deuse de prazo ata este xoves para que os hostaleiros comuniquen á concelleira o nome das especialidades do polbo de Bueu, reservándose para o Concello a do polbo á feira.
Igual que na edición pasada, o custo das especialidades será de 5 e 7,50 euros. Para adiantar trámites, fíxose un sorteo para coñecer a localización de cada posto dentro da carpa.
En principio, a seguinte reunión será en agosto xa máis preto da festa para tratar temas de última hora e que non quede nada esquecido.
Nas vindeiras semanas, Carballo tamén se reunirá co colectivo dos hostaleiros para organizar a Ruta das Tapas, a cal se agarda que coincida co final da semana do FICBUEU.