Nin rastro de combustible en Canelas tras o 'sentinazo' detectado este martes
Por Redacción
A praia de Canelas xa volve ser apta para o baño. A Consellería de Sanidade e o Seprona realizaron nas últimas horas todas as análises pertinentes e comprobaron que non queda resto algún dos hidrocarburos detectados este martes na auga nin na area.
Os servizos municipais xa comprobaran a primeira hora da mañá, tras unha inspección ocular e olorosa, que non había restos visibles do combustible que aparecera na area.
O Concello de Sanxenxo mantivo pechada a praia ao baño á espera de que a Consellería de Sanidade remitira os resultados dos informes resultantes das análises das augas. Estas coinciden coas inspeccións municipais, polo que este xoves a bandeira vermella será substituída pola Bandeira Azul, que ofrece aos bañistas todas as garantías de calidade.
O goberno municipal, que sitúa a orixe desta vertedura no lavado dun barco, recorda que activou o protocolo de seguridade establecido para este tipo de casos no mesmo momento en que tivo constancia da presencia do combustible na praia.
A concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, destacou a importancia que para un municipio para Sanxenxo ten preservar a imaxe de calidade nos seus areais, de aí que se extremaran as precaucións e se mantivera a alerta ata estar en condicións de garantir a máxima seguridade para os usuarios desta praia.