A cigala chega este ano a Marín tamén en empanada de lamprea
Por Redacción
A cigala é un marisco, pero "no es señor, es señorita", está "muy rica", é "exquisita" e é "el mejor crustáceo que tienen nuestras costas". Quen glosa as virtudes do produto é o presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Marín (Acima), Enrique Rodríguez Covelo, que este mércores presentou a XXI Festa da Cigala de Marín convencido de que a celebración será un novo éxito e que o segredo será, como nas vinte edicións anteriores, a calidade do xénero que se serve.
A cigala é "rica en proteínas y baja en calorías", unhas calidades que só comparte co percebe e que, segundo sostén Enrique Rodríguez, leva a moitos especialistas en nutrición a recomendar que os nenos en idade de desenvolvemento tomen dous por semana. Máis non, pero "por el precio", recoñece. Unha solución aos custos elevados que supón a inxestión deste marisco encontrarase en Marín entre o 24 e o 26 de xullo, pois se ofrecerá preparada en distintas modalidades a prezos "asequibles".
A Festa da Cigala servirá este ano 1.500 quilos de produto e terá como principal novidade a súa preparación, por primeira vez, en empanada de lamprea e cigala. O prato só poderá consumirse por encarga e o prezo pactarase á hora da reserva,
O resto das variedades si teñen fixado o prezo. Custará 2,5 euros a porción de empanada de trigo con cigala; 11 euros a cigala cocida; 12 euros a flamexada; 4,5 euros as gambas; e 2,5 euros a tortilla de gambas. A oferta gastronómica completarase con viño do país e albariño, caldo de arroz 'Porto de Marín', mexillóns ou berberecho e, a maiores, o domingo 26 celebrarase o Día das Amas de Casa e ofrecerase por un prezo de 10 euros un menú a base de empanada, carne ou caldeiro, viño e sobremesa.
A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, presentou este mércores a festa xunto aos representantes de Acima e explicou que se prevé que se celebrará por segundo ano na Praza do Regueiro de Cantodarea e, en función do éxito do ano pasado e de que coincide o festivo do 25 de xullo no medio da festa, espérase unha masiva afluencia de persoas a Marín. Enrique Rodríguez prevé que tan só o domingo acudan máis dun millar.
A Festa da Cigala empezará o venres 24 coa celebración do Día de Portugal, o sábado 25 incluirá o Día de Ourense e o Día das Confrarías Gastronómicas da Península Ibérica e o domingo 26 terá o seu broche de ouro co Día das Amas de Casa e unha homenaxe aos mariñeiros que perderon a súa vida no mar e aos náufragos.
Relacionadas:
-
Novos cofrades na Orde da Cigala
Por Diego Torrado |
-
A cigala de Marín quere ser festa de interese turístico de Galicia
Por Redacción |
-
Acima fai un balance satisfactorio da Festa da Cigala
Por Oskar Viéitez |
-
Cigalas para todos! Que ningún marinense quede sen elas...
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |