Cando se negocia coa Xustiza
Por Oskar Viéitez
Estamos xa afeitos a que a Audiencia provincial de Pontevedra dite sentenzas penais sen que os feitos se debatan nun xuízo.
Esta próxima semana será un bo exemplo diso con media ducia de sinalizacións que, presumiblemente, serán sentenciadas sen chegar a celebrarse a vista oral, en virtude do que se coñece como "xustiza negociada", na que o acusado admite a súa culpabilidade a cambio de que o fiscal rebaixe a condena que solicita. É dicir, o acusado confórmase cunha pena que o seu avogado negociou co fiscal.
Entre os partidarios desta fórmula esgrímense argumentos como a falta de medios ou a sobrecarga de traballo dos xulgados, por suposto, tamén se di ao seu favor que é máis rápida.
En canto á próxima semana, a Sección Segunda da Audiencia pontevedresa ten sinalados para o martes día 14 dous xuízos que presumiblemente non sexa necesaria a súa celebración ao pecharse un acordo previo entre o representante do Ministerio Público e a Defensa.
O primeiro trátase dun xuízo por un delito continuado de abusos sexuais, no que o fiscal pide no seu escrito de acusación catro anos e medio de cárcere para un home, que presenta un lixeiro atraso mental, por abusar da filla da súa compañeira sentimental, co que convivía.
Con apenas unha hora de diferenza esta mesma Sala espera atender outro caso por un delito continuado de apropiación indebida. Acúsase un home de quedar con 58.000 euros que lle foron ingresados como administrador dunha empresa para a compra de pneumáticos no estranxeiro. O fiscal pide que sexa condenado a dous anos de prisión e multa de doce meses con cota diaria de 10 euros.
Xusto en fronte e nesa mesma xornada do martes, a Sección Cuarta resolverá en menos de hora e media tres casos. Os tres son delitos contra a saúde pública, isto é, tráfico de drogas.
No primeiro deles o fiscal pide catro anos e medio de prisión para un home acusado da venda de heroína. No momento da súa detención portaba preto de 400 gramos.
O seguinte en sentarse no banco dos acusados será outro home acusado de portar anfetamina e MDMA nas proximidades dunha discoteca de Baño (Valla) para proceder á súa venda. O fiscal pide tres anos e medio de prisión.
E sen que de tempo para tomar un respiro se atenderá un último xuízo no que o fiscal pide catro anos e medio para un home ao que acusa de vender pequenas cantidades de cocaína no Grove.