Traballadores da ONCE protestan pola pasividade da Administración contra o xogo ilegal
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Delegados sindicais da Unión de Traballadores da Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) acudiron este luns á Subdelegación do Goberno de Pontevedra, en protesta pola pasividade da Administración contra o xogo ilegal, que segundo denuncian "campa ás súas anchas nas rúas e pon en risco o traballo dos vendedores da ONCE".
O sindicato lanza a campaña "O xogo ilegal NON é un xogo", para denunciar que 100.000 cidadáns son enganados cada día por estas redes de xogo ilegal, ante a falta de actuacións por parte da Administración.
Os representantes sindicais entregaron un escrito solicitando a "urxente intervención" contra esta "lacra" que afecta á sociedade, pon en risco os consumidores e está a afectar gravemente á imaxe da ONCE e o futuro dos seus máis de 20.000 vendedores, todos eles persoas con discapacidade.
Francisco Rey, voceiro do sindicato UTO-UGT, explicou que estes traballadores piden que se cumpra a lei xa que a proliferación do xogo ilegal vulnera os dereitos dos consumidores ao non se observar ningunha regulación nin control das emisións e pagamento dos premios, ademais de ser ilegal a recadación por estes xogos de azar.
Segundo as cifras facilitadas por este sindicato, o xogo ilegal recada máis de millón e medio de euros anualmente en Galicia, e máis de 80 millóns de euros ao ano en toda España.
Un dinero que se reparten entre unha vintena de organizacións, entre a que destaca é a Organización Impulsora de Discapacitados (OID), que se leva uns 60 millóns de euros. Segundo datos da Policía, o boleto da OID supón un 50% do xogo ilegal en España.