Entran a roubar nunha tenda e deixan a caixa rexistradora baleira no portal dun edificio próximo
Por Natalia Puga
A Policía Nacional investiga un roubo con forza rexistrado na madrugada deste martes nunha tenda da rúa Peregrina, no que os ladróns se levaron a caixa rexistradora para posteriormente, xa baleira, deixala tirada no portal dun edificio próximo da rúa Andrés Muruais.
Un veciño da rúa Andrés Muruais chamou a Policía Nacional sobre as 6.30 horas da mañá deste martes indicando que encontrara unha caixa rexistradora tirada ao lado das escaleiras. Unha patrulla policial desprazouse ao lugar e realizou unha inspección tanto do portal coma da propia caixa, na que non había diñeiro, pero si un tícket que lle permitiu tirar do fío e chegar ata a tenda da que fora subtraída, situada a tan só uns metros, na zona da rúa Peregrina coñecida popularmente como praza 8 de Marzo.
Os responsables da tenda en cuestión, 'Diez Euros', corroboraron que alguén entrara no local durante a noite, tras a hora do peche da tarde deste luns. Para facelo, forzaron o fecho da porta principal do negocio, que aparecía danada a primeira hora deste martes, cando o veciño deu a voz de alerta sobre o sucedido.
Na caixa rexistradora que finalmente apareceu tirada e baleira había, segundo os responsables da tenda, uns 200 euros en efectivos que foron roubados polo ladrón ou ladróns da tenda. Ademais, levaron outros 250 euros que tiñan gardados nun caixón e a impresora utilizada para facer os tíckets de compra que se entregan aos clientes. Os responsables do negocio tamén detectaron que alguén causou danos no seu ordenador portátil e o deixou no establecemento.
Axentes da Policía Científica desprazáronse ao longo da mañá deste martes tanto á tenda obxecto do roubo coma ao edificio de Andrés Muruais no que apareceu a caixa rexistradora tirada para recoller probas que permitan localizar os autores do delito.