Dalle, dalle, dalle... vale, para!
Por Oskar Viéitez
"Dalle, dalle, dalle... vale, para!", a mesma instrución que se usa para axudar a aparcar un coche serve para arranxar os efectos dunha mala manobra de estacionamento. Así se puido comprobar no traballo da brigada municipal de vías e obras de Pontevedra.
Cun modus operandi tan rechamante como efectivo dous operarios procederon a endereitar un sinal de tráfico en cuestión de minutos.
A deterioración destes sinais supón un importante gasto ás arcas municipais en repoñer postes, indicadores, letreiros, espellos e rótulos, entre outros elementos.
Xeralmente trátase de malas manobras, pero trambién hai actos vandálicos e roubos para vendelas como ferralla.
Segundo AFASEMETRA, a Asociación de Fabricantes de Sinais Metálicos de Tráfico, substituir un sinal derrubado por un accidente de tráfico custa de 145 a 300 euros, segundo o tipo de sinal. Se só se substitúe o sinal (sen o poste que a suxeita) o custo baixa a entre 88 e 225 euros, segundo o tipo de sinal.