Pontevedra, a favor de promover que o Camiño Portugués sexa declarado Patrimonio da Humanidade
Por Redacción
O próximo Pleno da corporación municipal aprobará por unanimidade unha moción presentada polo Partido Popular para que se promova a candidatura do Camiño Portugués como Patrimonio da Humanidade, un recoñecemento que concede a UNESCO. Entenden os populares que Pontevedra, como capital deste camiño, debe asumir un "papel activo" para acadar este fito histórico.
A proposta foi apoiada por todos os partidos -BNG, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos- na comisión de Benestar Social, Cultura e Dinamización Sociocultural celebrada este xoves.
No ano 1993, o Camiño Francés foi declarado Patrimonio da Humanidade, deixando fóra varias rutas xacobeas importantes e o pasado 5 de xullo, a organización da ONU para a Educación e a Cultura (UNESCO) incluíu na Lista de Patrimonio Mundial os Camiños de Santiago do Norte Peninsular. Deste xeito, quedan integradas as catro rutas da zona norte de España: o Camiño Primitivo, o Camiño Costeiro, o Camiño Vasco – Rioxano e o Camiño de Liébana.
Todo iso a pesar de que, segundo recorda o PP de Pontevedra, o Camiño Portugués é o segundo máis transitado polos peregrinos.
De feito no que vai de ano supón case un 17% do total de peregrinacións, por debaixo do Camiño Francés que rexistra, neste intres, o 67% do total de peregrinacións. Pola contra, ata xullo deste 2015, o Camiño Primitivo, que se engloba dentro dos Camiños do Norte Peninsular, supón tan só un 4%.