A Xunta traslada á Fiscalía un informe sobre a Cámara de Comercio para que decida se na súa xestión hai delito
Por Natalia Puga
As investigacións xudiciais abertas sobre a Cámara de Comercio de Pontevedra, que encabeza a Fiscalía de Delitos Económicos da Audiencia Provincial, inclúen un informe remitido pola Xunta de Galicia sobre as actividades da institución no que se decata nos últimos anos dunha serie de presuntas irregularidades cometidas. O documento foi remitido "para que se decida polo ministerio público se os feitos analizados puediesen ser ou non constitutivos de infracción con relevancia no ámbito penal".
O informe, ao que tivo acceso PontevedraViva, está asinado pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez. Baséase no informe de fiscalización da Cámara de Comercio realizado polo Conselo de Contas de Galicia, que afecta aos exercicios económicos 2010-2011 e detecta diversas irregularidades e pon en cuestión unha "falta de transparencia" en boa parte das súas actividades económicas.
Na actualidade, hai abertas tres causas xudiciais pola xestión da Cámara de Comercio e o fiscal de Delitos Económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, xa formulou escrito de acusación contra a secretaria cameral, Rosario Lorenzo, na causa aberta por presuntos cobramentos irregulares e pide que sexa condenada a tres anos de prisión e cinco anos de inhabilitación para emprego ou cargo público como presunta autora dun delito de aceptación de suborno e a dous anos de suspensión de emprego ou cargo público polas negociacións prohibidas a funcionarios.
Un dos puntos sobre os que chama a atención o informe é que o sistema contable da Cámara de Pontevedra "adoece de deficiencias que poden afectar á consecución da imaxe fiel da realidade económica da entidade", pois a aplicación informática utilizada permite modificar os asentos contables unha vez realizado o peche do exercicio.
Deste modo, "non está garantida a inalterabilidade, a exactitude, así como a integridade da presupostaria e contable" e o Conselo de Contas observou "inconsistencias entre as cifras incluídas nos diferentes documentos contables". Ademais, chama a atención sobre o feito de que "non está garantida a independencia do auditor" das contas anuais.
No capítulo de persoal tamén detecta presuntas anomalías, pois o rexistro contable dos gastos de persoal "non se axusta á normativa aplicable" e detectouse "falta de transparencia no reflexo das remuneracións do persoal".
Outro punto sobre o que chama a atención o informe son as retribucións que reciben os membros dos órganos de goberno polos desprazamentos que realizan dentro e fóra de Galicia e ao estranxeiro. Detectouse que esas axudas de custo "teñen un carácter remuneratorio", pois non se esixe a xustificación de gastos nin que se acredite a realidade dos desprazamentos.
Ademais, nese sentido, a Cámara "non realiza ningún control respecto á verificación" das viaxes polas que se pagan os gastos e a documentación que entregou o órgano cameral para xustificar ese capítulo económico permitiu detectar pagamentos por importe de 1.240,48 euros sen que consten os documentos justificactivos. Conclúe a Xunta que a contabilidade "non reflicte eses gastos de forma transparente".
O control da tesouraría da Cámara tamén é obxecto de análise no informe remitido á Fiscalía. Detéctase que existe unha caixa de efectivo na que se realizaron no período analizado entradas e saídas de diñeiro sen dispoñer dos mecanismos de control axeitados para garantir a integridade dos fondos manexados. A Cámara non ditou normas en relación coa área de tesouraría nin arbitrou un procedemento para a realización dos gastos e ingresos a través da caixa de efectivo.
Relacionadas:
-
Marea propón un uso social para os cartos devoltos pola Cámara de Comercio
Por Redacción |
-
O Concello reclama á Cámara de Comercio que lle devolva 34.000 euros non xustificados de subvencións de 2010 e 2011
Por Natalia Puga |
-
O primeiro xuízo penal contra a secretaria da Cámara de Comercio, o 13 de xuño
Por Natalia Puga |
-
A falta de apoio dos empresarios á nova Cámara de Comercio deixa a Pontevedra con só oito vogais
Por Natalia Puga |
-
Malestar entre o tecido empresarial pola "pérdida de peso" de Pontevedra na nova Cámara de Comercio fusionada
Por Redacción |
-
Piden que o Concello reclame á Cámara de Comercio o diñeiro "irregularmente cobrado" por Ferpalia e Pomóvil
Por Oskar Viéitez |
-
Francisco Moldes e Ricardo Mirón declaran como imputados pola súa etapa como presidentes da Cámara
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Piden tres anos de prisión para a secretaria da Cámara por aceptación de suborno
Por Redacción |
-
Desbloquean o proceso xudicial por presuntos cobros irregulares contra a secretaria da Cámara
Por Natalia Puga |
-
O Consello de Contas detecta irregularidades da Cámara de Comercio na xestión de Pomovil e Ferpalia
Por Natalia Puga |