Ollo ao contaquilómetros! A DGT empeza unha campaña especial de control de velocidade
Por Redacción
As estradas convencionais e vías urbanas de Galicia e, polo tanto, as de Pontevedra, serán obxecto dunha vixilancia especial durante esta semana. A partir deste luns, a Dirección Xeral de Tráfico inicia unha campaña de control de velocidade que se prolongará ata o próximo domingo día 26.
Segundo informou a Delegación do Goberno, os xefes de subsectores de Tráfico da Garda Civil das catro provincias e as xefaturas da DGT confeccionaron os percorridos para que o número de vehículos controlados sexa maior que o de campañas anteriores. A pesar de que o número de coches controlados pola Garda Civil se incrementou nun 100% na última década, o obxectivo é conseguir unha maior redución da velocidade media e diminuír os niveis alcanzados de grandes excesos.
A campaña ten como obxectivo concienciar os condutores da estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes. Constataron que a consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores, e iso a pesar de que no 22% dos accidentes mortais en vía interurbana se apreciou a velocidade como factor concorrente.
Ademais, insisten en que en zonas urbanas a velocidade é igualmente determinante, por canto aumenta considerablemente o risco de morte dun peón tras ser atropelado, de aí a importancia da observancia dos límites. A partir de 80 quilómetros por hora é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 Km/h o risco se reduce ao 10%.
A partir deste luns 20 de xullo utilizarase o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles. Así mesmo, sempre que sexa posible, tanto os paneis de sinalización variable coma as pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico que estean nas inmediacións, advertirán aos condutores da existencia próxima de controis.
Relacionadas:
-
Un radar móvil controlará a velocidade en zonas "sensibles" da cidade durante quince días
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O estado dos vehículos, a exame desde o luns pola Garda Civil de Tráfico
Por Redacción |
-
Tráfico iniciará unha campaña para evitar os accidentes de tractor
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Tráfico intensificará esta semana os controis de alcohol e drogas entre os condutores
Por Redacción |