Bueu homenaxea á Corporación do ano 36
Por Redacción
Os membros da Corporación de Bueu cando comezou a Guerra Civil no ano 1936, que foron represaliados polo réxime franquista, serán os protagonistas dunha homenaxe o vindeiro sábado 5 de setembro á que acudirán os membros da corporación e representantes das familias dos homenaxeados.
O Concello de Bueu explica que este acto de homenaxe é resultado dun acordo aprobado no Pleno do 25 de agosto de 2012 a petición da Asociación de Amigos Johán Carballeira. Os trece membros da corporación municipal que encabezaba Johán Carballeira foron represaliados, de aí a razón de ser deste acto, pensado para revitalizar a memoria histórica e política dos que foron sometidos por defender as súas liberdades.
En decembro de 1936 se celebraron dous consellos de guerra, nos cales se impuxeron severas penas de morte contra vinte e seis veciños, entre os cales estaban o alcalde e varios concelleiros. Outros cinco veciños foron paseados cando intentaban fuxir dos calabozos, entre eles dous concelleiros, así como outros dous veciños, o tenente alcalde e o tesoureiro municipal cando estaban detidos polos sublevados.
Durante estas dúas semanas, o Concello porase en contacto con parte das familias das que ten datos, e fai un chamamento especial á colaboración dos cidadáns para atopar a descendentes de catro deles. En concreto, se calquera coñece algún tipo de vínculo de Ramón González Soliño, José Estévez Villar, José Rodríguez Estévez e Ramón Pastoriza Gestido pode poñerse en contacto no número de teléfono 673 25 64 50 (Hortensia).