Bueu abordará a retirada dos símbolos franquistas das igrexas do municipio
Por Redacción
O alcalde de Bueu convocou este luns unha Xunta de Voceiros para o vindeiro xoves ás 13 horas para tratar o asunto da eliminación dos símbolos franquistas dos espazos públicos, tal e como pedía a Asociación de Amigos de Johán Carballeira nun escrito remitido en xuño do pasado ano.
Neste escrito, desde a asociación facían fincapé na lei 52/2007, que recoñece e amplía os dereitos e medidas a favor dos que padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura. Así, entre outras cuestións, establece a obrigatoriedade das institucións privadas, e entre elas a Igrexa Católica, para facer desaparecer dos espazos públicos toda simboloxía relacionada coa ditadura franquista.
A asociación que dirixe Manuel Mosteiro aludían sobre todo á retirada dos muros das igrexas de Santa María de Cela, Santa María de Beluso e San Martiño de Bueu a exaltación do golpe de estado e da figura de José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falange Española, por supoñer "unha agresión contra o noso patrimonio ademais de atentar contra a integridade de todas as familias que sufriron a represión".
Por todo iso, a asociación solicita no seu escrito que a corporación manifeste o seu desacordo coa presenza de símbolos franquistas de calquera natureza no Concello de Bueu, trasladar á Delegación Provincial de Patrimonio a solicitude de iniciar expedientes de restauración nas citadas igrexas, e trasladar á Igrexa a solicitude de restitución da situación inicial.