O PP dubida que Carmela Silva actuase igual con ENCE "se se tratase dunha empresa de Vigo"
Por Redacción
Ao Partido Popular non lle gustou nada a nova postura institucional da Deputación de Pontevedra con respecto a ENCE, expresada este mércores pola súa presidenta. "Con Carmela Silva, Pontevedra perde", afirmou o voceiro provincial, Ángel Moldes, que a través dun comunicado mostra as súas dúbidas de que a socialista actuase de igual forma "se se tratase de unha empresa ubicada en Vigo".
Ángel Moldes considera "lamentable e nada alentador" que para solucionar o problema do desemprego na provincia, "a primeira proposta que ten Carmela Silva sexa o peche dunha fábrica que lle dá traballo directa e indirectamente a miles de persoas, non só da cidade de Pontevedra, a cidade con máis paro de Galicia, senón de toda a comarca".
Ademais, o voceiro popular lamenta que a presidenta da Deputación "fale no nome" de Miguel Anxo Fernández Lores e faga afirmacións "ditadas polo alcalde de Pontevedra", sen reunirse antes cos directivos e traballadores da empresa para coñecer os seus argumentos. De aí que lle recomenden que convoque a todos os sectores implicados "antes de posicionarse de unha forma tan contundente".
Os populares consideran que socialistas e nacionalistas deberían explicar á cidadanía que alternativa teñen para substituír a economía que xera unha fábrica desta envergadura e que teñen pensado facer cos 400 traballadores directos da planta de ENCE que se quedarían sen emprego no suposto de que a planta pechara.
Ángel Moldes insta ademais a Carmela Silva e ao alcalde de Pontevedra a que se informen de cal é o principal factor contaminante da Ría de Pontevedra, que el sitúa nas verteduras de augas residuais e no mal funcionamento da depuradora; e cualifica de argumento "pobre, ridículo e pouco serio" dicir que se trata de unha fábrica instalada na época de Franco. "Que tamén pidan o peche da planta de Citroën de Vigo por implantarse tamén durante a ditadura", sinala.
Por todo isto, o voceiro provincial dos populares esíxelle a Carmela Silva "un pouco máis de seriedade" posto que está representando a todos os cidadáns da provincia. "É normal que se lle esixa a Ence uns requisitos imprescindibles que teñan que ver co impacto visual ou coa contaminación medioambiental, pero non se pode na primeira de cambio pedir o peche desta fábrica cando son miles as familias afectadas en toda a comarca", concluíu.
Relacionadas:
-
Os deputados do PP piden a Carmela Silva que "reconsidere" a súa postura sobre ENCE
Por Redacción |
-
O PP advirte que non dará "nin un paso atrás" na súa defensa á continuidade de ENCE
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva tira de hemeroteca para cargar tintas contra o PP sobre ENCE: "Cambiou radicalmente a súa postura"
Por Natalia Puga |
-
Para a CIG, "ENCE ten un problema, que é a ubicación"
Por Redacción |
-
A Deputación, contra ENCE: Carmela Silva súmase á "ofensiva" de Lores para que "desapareza" da ría
Por Alejandro Espiño |
-
Esixen á Xunta que se "posicione" e emita un informe desfavorable á continuidade de ENCE
Por Alejandro Espiño |