Os traballadores de Diario de Arousa afrontan dous días de folga contra despedimentos e impagos
Por Redacción
Os traballadores de 'Diario de Arousa' irán de novo á folga para denunciar a súa situación laboral. Logo dunha xornada de paro no mes de xaneiro, os días 2 e 3 de setembro volverán repetir a medida para protestar polos recentes despedimentos de tres persoas no grupo que edita o xornal e ante os reiterados impagos de salarios.
A folga, que comezará ás 00.00 horas do mércores 2 de setembro, é común a todas as cabeceiras de Editorial La Capital -Diario de Ferrol, El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños- e reclama un Plan de Viabilidade que garanta os postos de traballo ao nivel de datas anteriores; o abono dos salarios adebedados e a súa regularización mensual.
Segundo informa o sindicato CIG, a empresa leva retrasando o abono dos salarios, de maneira reiterada, ao longo de todo o ano 2014 e 2015 e a día de hoxe adebédanse ao persoal as mensualidades de xuño e xullo de 2015 e o 50% da paga de decembro de 2014. A central sindical denuncia tamén que o grupo está a acometer reducións no cadro de persoal que entende que poñen en perigo a continuidade da actividade.
Os traballadores anunciaron a través do seu perfil en facebook 'Diario de Arousa en Loita' que, no marco desa folga, o mércores día 2 participarán na concentración convocada en Ferrol contra os dous despedimentos realizados nos últimos días na cabeceira e o xoves día 3 fan un chamamento a que os cidadáns os acompañen unha concentración prevista para as 20.30 horas na praza de Galicia de Vilagarcía. Terá o lema 'Non máis despedimentos, non máis impagos'.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) solidarízase cos traballadores de La Capital e insta a empresa a "reconsiderar os despedimentos, a facer os esforzos necesarios para pagar as cantidades que adebedan os seus traballadores e a adoptar medidas que permitan a viabilidade das cabeceiras sen máis despedimentos e con condicións dignas para o conxunto dos seus traballadores".
Relacionadas:
-
Os traballadores de Diario de Arousa protagonizan unha nova folga e non informarán sobre a xornada electoral
Por Redacción |
-
Traballadores do Diario de Arousa convocan unha folga indefinida dende o xoves
Por Redacción |
-
Os traballadores de Diario de Arousa van á folga e piden apoio social nunha concentración na rúa
Por Redacción |
-
Os traballadores de Diario de Arousa irán á folga o 23 de xaneiro
Por Redacción |
-
Traballadores de Diario de Arousa concéntranse para denunciar "reiterados atrasos" nos salarios
Por Redacción |