Todo listo para ir seguro a pé aos Milagres de Amil
Por Redacción
Durante os días previos á celebración da festa dos Milagres de Amil e na propia xornada da festa é habitual a imaxe de devotos que peregrinan ata o santuario de Moraña. Miles de persoas percorren as estradas de acceso ao templo e, para garantir que o fan con toda seguridade, a Deputación Provincial de Pontevedra acometeu unha serie de obras.
A novena comeza este ano o día 4 e a festa propia no santuario é o 13 de setembro. Antes de que chegase a data, era preciso unha posta a punto das vías co obxectivo de garantir a seguranza viaria dos camiñantes que van á romaría a pé, limpando e ampliando as cunetas, e tamén facilitar o tránsito de vehículos, arranxando as pequenas deficiencias da calzada.
O organismo provincial indicou este mércores que despois de dúas semanas de traballo durante o mes de agosto xa ten a punto as dúas estradas provinciais de acceso ao santuario: a EP-0503 entre Mane e Rebón (no termo municipal de Barro) e a EP- 0018 entre Xeve-Amil-Espedregueira, nos municipios de Pontevedra e Moraña.