As máquinas xa poden volver á estrada de Xeve-Amil-Espedregueira
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra poderá finalmente eliminar un estreitamento que existía na estrada provincial EP-0018 no tramo entre a parroquia pontevedresa de Xeve e os lugares de Amil e Espedregueira, no veciño concello de Moraña. A actuación xa se puxo en marcha hai semanas, pero quedaba pendente dun trámite que chegou este venres.
O punto no que se actuará é un treito de 160 metros de lonxitude que pertence ao municipio de Pontevedra e pasará a ter tres metros máis -agora ten cinco metros- coa finalidade de aumentar a seguridade viaria na zona.
O asunto chegou este venres ao pleno da Deputación e aprobouse por unanimidade de todos os grupos a declaración de urxente ocupación dos terreos necesarios para a execución do proxecto. Ao respecto, oito propietarios cederon parte das súas leiras para realizar a mellora na estrada, pero outro negouse, polo que foi preciso iniciar o expediente expropiatorio.
Unha vez aprobada a urxente ocupación no pleno, as máquinas de obra poderán volver a traballar de xeito inminente para finalizar o traballo na actuación que permitirá consolidar o ensanche e facer o muro na pequena parte da parcela a expropiar. Remataranse así unhas obras que supoñen un investimento de 44.517,89 euros.
O deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou este venres que a actuación non modifica o trazado, senón que se trata dunha obra que a curto prazo permitirá ampliar a calzada actual para que poidan cruzarse dous vehículos. Na actualidade resulta moi complicado o tránsito e faise especialmente perigoso para os autobuses escolares e camións que utilizan a vía a diario.
A actuación afectará ao muro de contención de tres metros de altura que hai na zona na actualidade e que está esnaquizado a causa da caída dun camión o pasado outono. Nese momento tamén se detectou que a cimentación estaba afectada e a Deputación fixo unha avaliación técnica que tivo como conclusión que o resto do treito estaba tamén seriamente danado.
Ao respecto, destaca que se detectou unha ameaza de derrubamento inminente, podendo chegar ás vivendas da contorna. O risco era tal que, segundo explicou Uxío Benítez, a Deputación deu a orde de realizar de xeito urxente a correspondente cimentación e a reposición do muro de contención.