A xuízo por intentar matar á súa parella tirándoa dende un segundo piso en San Roque
Por Redacción
Genaro Solla Moares, natural de Cangas, pero durante anos veciño de Pontevedra, será xulgado este xoves 10 de setembro como presunto autor dun delito de intento de homicidio e outro de lesións sobre a muller por dous episodios de violencia de xénero rexistrados con varios meses de diferenza cando ambos os dous vivían na rúa Víctor Said Armesto, no barrio pontevedrés de San Roque. O máis grave produciuse en novembro de 2013, cando presuntamente tirou a súa noiva pola ventá dende un segundo piso.
O xuízo celebrarase na Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra e o fiscal pide que o acusado sexa condenado a once anos de prisión, un polo delito de lesións e dez polo homicidio en grao de tentativa. Ademais, solicita que se o impoña unha orde de afastamento que lle impida achegarse á vítima durante 23 anos e que pague unha indemnización de 20.000 euros.
Segundo consta no escrito de acusación da Fiscalía, no primeiro caso, o home presuntamente propinoulle varios puñazos á súa parella sentimental en plena rúa. O segundo foi aínda máis grave. Ambos os dous estaban no domicilio familiar de Víctor Said Armesto de madrugada cando el presuntamente a golpeou e ameazou poñéndolle un coitelo no colo e posteriormente botouna pola ventá do salón, o que provocou que caese á calzada dende sete ou oito metros de altura. A muller rematou na Unidade de Coidados Intensivos.
O home xa contaba con antecedentes policiais e xudiciais por delitos violentos. Foi condenado por matar dous presos no cárcere de Vigo no ano 1995; por acoitelar unha pescantina de Cangas no ano 2002, durante un permiso penitenciario; e por acoitelar outro home, 'O Cubano', en 2011.
Relacionadas:
-
O acusado de intentar matar a súa parella tirandoa pola fiestra deféndese alegando que ela caeu soa
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Ingresa en prisión por intento de homicidio o detido por arroxar a súa moza pola fiestra
Por Natalia Puga |
-
Continúa na UCI a muller presuntamente arroxada pola fiestra pola súa parella
Por Natalia Puga |
-
Investigan a caída dunha muller desde un segundo piso, un suceso polo que detiveron á súa parella
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada