Organizan un curso para eliminar a brecha dixital entre homes e mulleres
Por Redacción
En España, un 21,4% da poboación nunca na súa vida se conectou a Internet, segundo datos da Comisión Europea, correspondentes a 2014. Isto supón 7,7 millóns de cidadáns.As diferenzas son igualmente significativas en función do nivel educativo e económico.
Existe ademais a chamada brecha dixital de xénero. Os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) mostran que as mulleres non aproveitan Internet para gañar terreo en visibilidade e influencia. A diferenza a favor dos homes entre as persoas que acceden con regularidade á Rede é de 4,4 puntos. A brecha dixital empeora coa idade tamén no caso dos homes, a distancia entre as mulleres maiores e os homes de 55 anos supera os 9 puntos.
Dezaoito mulleres de diferentes idades comezaron esta semana o Curso de alfabetización dixital e redes sociais que imparte o Concello de Vilagarcía a través da Área de Igualdade. A acción formativa ten como obxectivo mellorar a capacitación informática das alumnas para que teñan máis facilidades de ao mercado laboral e tamén pretende contribuír a diminuír a fenda dixital que existe entre homes e mulleres. A actividade é gratuíta e aínda quedan dúas vacantes que as interesadas poderán solicitar ao longo desta semana.
O curso de alfabetización dixital e redes sociais impártese na aula de informática do Centro de Formación permanente de Matosinhos. Ten unha duración de 100 horas lectivas e as clases celébranse os luns, martes e mércores de 9:30 a 13:30 horas ata o 4 de novembro.
O programa do curso está deseñado a partir dos interese concretos das mulleres participantes, xeralmente necesidades de comunicación e información. Ao longo destas 100 horas traballaranse distintos contidos, dende os compoñentes básicos dun ordenador e os procesadores de texto, ata o acceso e navegación por Internet de xeito seguro e a xestión do correo electrónico, ás redes sociais e a aplicación destas ferramentas na busca de emprego.
As mulleres interesadas en acceder as dúas prazas dispoñibles poden solicitar información no departamento de Igualdade do Concello.