O primeiro "si, quero" ante notario, no Grove
Por Redacción
Ángela e David acaban de casar polo civil. E ante notario. A cerimonia celebrouse o venres 4 de setembro no terreo Atlántida de A Lanzada, no Grove, e converteuse na primeira voda oficiada por un notario na provincia de Pontevedra dende que no 23 de xullo pasado entrou en vigor a norma que dá competencias aos notarios para realizar este tipo de trámites: a Lei de Xurisdición Voluntaria.
Esta parella fixo historia na provincia e, con eles, o notario que lles uniu en matrimonio, Pablo Pazos Otero, natural da cidade de Pontevedra, pero titular da única notaría do Grove dende hai sete anos. El móstrase moi orgulloso de ter sido, en parte, protagonista deste fito e, sobre todo, de que Ángela e David o elixisen para unha celebración "muy íntima y muy bonita" con vistas á praia da Lanzada. Para iso, tiveron que pedir a propósito no Rexistro Civil que os casase o notario da localidade.
"Les conozco y tengo buena relación con ellos y por eso me han elegido a mí", explica Pablo Pazos, que, en virtude dese vínculo coa parella, optou por unha cerimonia marcada por "la naturalidad y la simpleza" que buscaban os noivos. Para "hacer el acto más agradable", introduciu algunha broma e desexoulles "una vida venturosa" ao tempo que lles agradecía "la confianza depositada en mí para declararles unidos en matrimonio".
A lei marca uns mínimos que inevitablemente deben ser comúns a todas as vodas ante notario, tales como a lectura dunha serie de artigos do Código Civil segundo os que os cónxuxes son iguais en dereitos e obrigas, pero a forma que se dá á cerimonia "ya depende de cada uno" e Pablo Otero a adaptou aos intereses dos protagonistas da xornada, de modo que evitou os discursos e optou por "una ceremonia breve, sencilla y emotiva". O resultado foi"una tarde muy bonita".
A Lei de Xurisdición Voluntaria outorga competencias para celebrar vodas, ademais dos alcaldes ou concelleiros, a notarios, secretarios xudiciais, encargados do Rexistro Civil, funcionarios diplomáticos ou consulares e xuíces de paz. De todos os xeitos, segundo explica Pablo Pazos, os notarios aínda non teñen todas as competencias atribuídas e, para poder casarse, aínda é necesario acudir ao Rexistro Civil para preparar o expediente matrimonial. A partir da segunda metade de 2017 xa abondará con tramitalo todo na notaría.