Case unha parella ao día decidiu romper o seu matrimonio en 2016
Por Alejandro Espiño
O amor non é para sempre. Polo menos, non o de todas as parellas que deciden casar. Un total de 317 matrimonios de Pontevedra optaron por divorciarse en 2016. Así o recolle o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) no seu informe anual do número de demandas de ruptura matrimonial presentadas en España o pasado ano.
Os datos demostran que case unha parella ao día decidiu divorciarse en 2016. Iso si, este balance non só inclúe ás parellas da capital pontevedresa, senón que -como parte do seu partido xudicial- tamén son matrimonios de Cotobade, Poio, A Lama e Ponte Caldelas.
A maior parte destes divorcios, un total de 184, foron non acordados entre os cónxuxes; mentres que nos outros 133 casos si houbo acordo para presentar a demanda ante os xulgados.
Ademais, a estes datos hai que sumar outras 23 parellas de Pontevedra que optaron por presentar unha demanda de separación. Catorce delas, segundo o balance do CGPJ, acordaron mutuamente tomar camiños separados.
OUTROS XULGADOS
Nos xulgados de Marín, que atenden os casos de Bueu e Marín, presentáronse en 2016 un total de 111 demandas de divorcio, 54 das cales foron consensuadas; mentres que outras catro parellas optaron pola separación.
Pola súa banda, en Vilagarcía de Arousa optaron por divorciarse 164 parellas, sendo de mutuo acordo xusto a metade delas, 82. Ademais, sete separáronse. Son casos dos concellos de Vilagarcía, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa e Catoira.
A Caldas de Reis chegaron 71 demandas de divorcio en 2016, sendo 31 de forma consensuada, e outras nove separacións. Presentáronas parellas de Caldas, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Pontecesures, Cuntis, Portas e Valga.
E nos xulgados de Cambados, con xurisprudencia sobre esa localidade e os concellos do Grove, Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo, presentáronse 110 demandas de divorcio, 54 delas de mutuo acordo entre a parella. Outras cinco separáronse.
En total, o número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia o pasado ano foi de 6.601 fronte ás 7.307 que se recibiron nos xulgados da comunidade galega en 2015. É un descenso do 9,7 por cento.