O barrio da Banda do Río Lameira incorpórase ao ARI de Marín
Por Redacción
O barrio da Banda do Río Lameira súmase á nova Área de Rehabilitación Integral (ARI) do concello de Marín. Así o confirmou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que asinou este xoves a declaración pola que se amplía esta zona de protección, que englobará a xa existente e amplía o seu ámbito a este barrio.
A Área de Rehabilitación Integral ampliada recibirá este mesmo ano fondos públicos para o inicio das actuacións de rehabilitación, aínda que polo momento o goberno galego non desvelou a cantidade que se destinará a esta actuación.
A Xunta recorda que dende 1996 foron declaradas en Galicia 69 áreas de rehabilitación en 40 concellos diferentes e tamén se declarou unha ARI tan singular como é a área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, que transcorre por 107 concellos das catro provincias, de maneira que o total de concellos galegos que dispoñen de áreas de rehabilitación ascende a 128.
En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das ARI máis de 11.300 vivendas, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e o Estado. Os concellos correspondentes tamén realizaron múltiples obras de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI, recibindo tamén axudas autonómicas e estatais para ditas obras.
A achegas da Xunta e o Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización superan os 85,5 millóns de euros, aos que se suma un investimento de máis de 15 millóns de euros por parte dos concellos e preto de 90 millóns de euros polos propietarios das vivendas, o que supón que o programa de áreas de rehabilitación mobilizou, dende a súa creación en 1996, máis de 190 millóns de euros.