O PP levará ao pleno de Sanxenxo o regulamento orgánico e a carga e descarga na Praza do Mar
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Sanxenxo levará ao próximo pleno unha moción solicitando a adaptación do regulamento orgánico vixente, para que recolla a situación actual.
“Non é equitativo, e menos aínda responde á representación que temos dentro da corporación, que oito concelleiros da oposición, sendo o grupo maioritario, teñamos mermadas as nosas posibilidades de fiscalización e control da actividade política local con respecto aos nove concelleiros do equipo de goberno”, comenta a voceira, María Deza.
Por outra banda, tamén queren debater a problemática xerada esta tempada estival con relación á carga e descarga no entorno do porto de Sanxenxo. Os populares queren unha regulación que se adapte ás necesidades, tanto dos provedores como dos establecementos, garantindo ademais a seguridade nos espazos públicos.
“Entendemos que a decisión tomada por parte do equipo de goberno de desprazar a carga e descarga para a praza do Mar non mellorou a situación anterior, cando estaba concentrada na praza dos Barcos, senón todo o contrario, dificultou o quefacer diario dos traballadores das empresas que subministran. Cabe recordar que o anterior goberno tiña regulada a carga e descarga atendendo a criterios de espazo e de tempo”, precisan dende o PP.
Relacionadas:
-
A primeira hora de aparcamento no porto de Sanxenxo volve ser gratuíta
Por Redacción |
-
O aparcadoiro proxectado na Praza do Mar é para o goberno de Sanxenxo "unha medida provisional e necesaria"
Por Redacción |
-
Telmo Martín oponse ao uso da Praza do Mar como aparcadoiro porque "imos saturar isto de coches"
Por Redacción |