Condenan a un pai e a unha nai a máis de 30 anos de prisión por violar ás súas fillas
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a unha parella do Morrazo a penas respectivas que superan os 30 anos en cada un dos casos por delito continuado de "agresión sexual na modalidade de violación" coas agravantes de actuación de dúas ou máis persoas e de especial vulnerabilidade das vítimas, que neste caso foron as súas fillas menores de idade. Ademais, atribúelles tamén un delito de obstrución á Xustiza.
Ambos os pais tamén foron condenados a indemnizar ás menores con 60.000 e 30.000 euros, respectivamente. Tamén se lles impoñen ordes de afastamento polo período de 20 anos unha vez que saian de prisión, así como a prohibición de comunicarse coas vítimas por calquera medio.
A sentenza dá por probadas as agresións sexuais de F.J. e da súa parella, M., á filla da muller cando a nena tiña 11 anos e, posteriormente, á filla biolóxica de ambos de 6 anos.
Os feitos remóntanse ao ano 2008 cando a primeira das fillas cumprira 11 anos e, segundo o auto xudicial, F.J., "en conivencia" coa nai da menor, empezou a abusar dela "agarrándoa, empuxándoa e amedrentándoa coa ameaza de que se non era ela faríao con outro dos seus irmáns". A parella tiña tres fillos máis en común.
Aínda que a sentenza "non pode concretar" o número de actos, si apunta que "tiveron lugar moitísimas veces" e que a nai se atopaba presente, observando e chegando a participar activamente".
ABUSOS SOBRE A SÚA OUTRA FILLA
Tras ingresar os fillos nun centro tutelar da Xunta debido á súa situación de desamparo, os feitos repetíanse durante as visitas domiciliarias ata que se suspenderon en xaneiro de 2010.
Ademais, durante o ano 2009, uns meses antes ao ingreso dos catro irmáns no centro, unha das fillas da parella tamén foi forzada sexualmente en, polo menos en catro ocasiones polos seus pais.