A fiscalía de Pontevedra tratará de pechar un acordo cos 23 acusados da fraude do gasóleo
Por Oskar Viéitez
O fiscal xefe da Audiencia Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, manterá nos próximos días unha reunión cos avogados das 23 persoas acusadas de defraudar a Facenda 20 millóns ao non pagar impostos por distribuír combustible.
Entre os sospeitosos de pertencer á rede figuran empresarios, gardas civís e axentes de Aduanas e entre todos os imputados enfróntanse a unha petición de 385 anos de prisión e a peticións de multas por valor de 738 millóns de euros por unha fraude que podería alcanzar os 20 millóns de euros.
Esta macrocausa vén rebotada da Audiencia Provincial da Coruña tras declararse incompetente para axuizar os feitos e trasladala a Pontevedra, xa que na nosa provincia cometeuse, presuntamente, a fraude.
A presunta fraude cometeuse entre os anos 1998 e 2000 polo que xunto ás dilacións indebidas existen algúns delitos que xa prescribiron.
O xuízo celebrarase na Sección Cuarta e ten unha duración estimada dun mes.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía existiu unha desviación gasóleo B, do denominado réxime fiscal suspensivo, procedente do depósito fiscal de Forestal do Atlántico, en Mugardos, a diversas sociedades radicadas en Portugal para comercializalo despois en Galicia como gasóleo A, exento de impostos especiais e do IVE.
Os axentes da Garda Civil están acusados de asinar resguardos de aprovisionamentos do gasóleo que non se producía ou se facía en menor cantidade e os funcionarios da Unidade de Vixilancia Aduaneira, con sede Pontevedra, de facilitar información aos empresarios. En conxunto, a Fiscalía impútalles once delitos contra a Facenda Pública, outros sete de falsidade en documento mercantil e outros cargos vinculados a esa presunta trama.
Relacionadas:
-
A irmá de dous empresarios condenados por unha fraude de gasóleo recoñece outra estafa similar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dous funcionarios de Aduanas e dous empresarios decláranse inocentes no macroxuízo pola fraude do gasóleo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
48 horas para buscar un avogado que o defenda por un delito de hai 15 anos
Por Natalia Puga |
-
Unha fraude chega a xuízo 16 anos despois cun falecido, un fugado, cinco absoltos e doce acordos
Por Natalia Puga |