Dous funcionarios de Aduanas e dous empresarios decláranse inocentes no macroxuízo pola fraude do gasóleo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra retomou este luns o macroxuízo pola denominada "fraude do gasóleo" que continúa contra catro acusados tras os acordos alcanzados en novembro do ano pasado polos outros 17 procesados coa Fiscalía.
Nesta nova sesión púidose escoitar o testemuño dos catro acusados, os funcionarios de Aduanas José Carrón González e José Ángel Corcoba Conde e os irmáns Jesús Anxo e Juan Castro García, responsables dos estradense Carburantes Acibro, todos eles declaráronse inocentes.
O fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, considéraos responsables de seis delitos contra a Facenda Pública e outro de falsidade (no caso dos axentes do SVA como "cooperadores necesarios") polos que pide penas que suman 28 anos de prisión para os empresarios e de 25 anos para os funcionarios.
Con todo, a grave dilación deste proceso, máis de quince anos desde que se iniciase a instrución xudicial, obrigará a rebaixar sensiblemente esta petición de condena. Previsiblemente, situaríase ao redor dos sete meses de prisión por cada un dos seis delitos fiscais e o de falsidade, ademais de fortes multas.
No caso de José Carrón González, que era xefe provincial en Pontevedra de Servizo Vixilancia Aduaneira (SVA), explicou ante o tribunal que a súa detención "me pilló desprevenido". Foi o seu xefe rexional quen lle anunciou que lle ían a deter. Tras iso quedou en "shock" polo que non soubo explicar ante o xulgado o que estaba a pasar.
Segundo declarou hoxe estaba a realizar unha investigación "sobre una petrolera a nivel nacional por la venta de gasóleo a bajo precio" polo que facía labores de "infiltrado" para "obtener información" polo que simulaba "cierta connivencia" cos intereses dos outros acusados a quen tiña enganados "más o menos".
Pola súa banda, José Ángel Corcoba, como axente de investigación do SVA era un dos encargados de levar a cabo as inspeccións nas empresas investigadas, pero negou que alertasen ás empresas antes de cada visita ou que tivese amizade cos empresarios investigados.
Tamén os responsables de Carburantes Acibro, os irmáns Juan Castro García e Jesús Anxo, negaron os feitos. O primeiro, porque asegurou que el só era "un mero recadero" e que descoñecía todos os detalles da administración, e o segundo descartou calquera tipo de fraude polos exhaustivos controis aos que estaba sometidas esta firma investigada, á que o fiscal imputa a maior parte da fraude que supostamente sufriu a Facenda Pública e que no caso de Acibro sitúa ao redor dos 15,4 millóns.
O xuízo continuará durante toda a semana.
Relacionadas:
-
A irmá de dous empresarios condenados por unha fraude de gasóleo recoñece outra estafa similar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
48 horas para buscar un avogado que o defenda por un delito de hai 15 anos
Por Natalia Puga |
-
Unha fraude chega a xuízo 16 anos despois cun falecido, un fugado, cinco absoltos e doce acordos
Por Natalia Puga |
-
A fiscalía de Pontevedra tratará de pechar un acordo cos 23 acusados da fraude do gasóleo
Por Oskar Viéitez |