A moda camiña pola rúa Rosalía de Castro
Por Diego Torrado
Numerosas persoas asistiron á primeira das actividades que se inclúen no programa Pontevedra Capital Shopping, que pretende mostrar os produtos que se comercializan na cidade e dar difusión ás empresas locais. Esta primeira iniciativa consistiu nunha pasarela de moda coa participación de modelos non profesionais na rúa Rosalía de Castro.
Cinco establecementos desta céntrica rúa organizaron esta proposta na que se puideron ver algunhas das pezas que levarán durante esta tempada. Vestidos, abrigos, traxes, saias e xerseis para este inverno foron mostrados por modelos que, nalgúns casos, percorreron a rúa con máscaras que lles cubrían o rostro.
A idea desta pasarela tamén é que os compradores poidan sentirse identificados con estes modelos con medidas máis reais que as que se poden atopar nos desfiles tradicionais.
Pontevedra Capital Shopping está promovido por Aempe e polo Concello de Pontevedra coa intención de que as empresas da cidade poñan en marcha actividades que fomenten o comercio local.